Formada na Academia París da súa Vilagarcía natal, e con 16 anos de experiencia ás costas en varias perruquerías da bisbarra, Sara Gómez abríu o pasado mes o seu propio negocio na céntrica Praza de Ravella da capital arousá.
-Nestes tempos de crise é toda unha novidade abrir un negocio...
-A verdade é que si. Pechan moitos negocios e abren poucos.
-¿Que a levou a dar o paso?
-As ganas de traballar para min. O local está moi ben. En época de bonanza non me daría para poder pagar o aluguer dun local tan céntrico.
-No sector da perruquería a confianza do cliente é fundamental. ¿Cales son as súas armas para gañarse o persoal?
-Tratar o cliente de ti a ti. Dáslle conversa, ofréceslle un café... Traballar ben, claro. E ter uns bos prezos. Cada semana ofrezo unha oferta diferente. Nesta, por exemplo, tinguir e peitear, 19,90 euros, e mechas e peitear, 29,90.
-¿Cre que en Vilagarcía hai suficiente demanda para novas perruquerías?
-Creo que si. Esta é a terceira semana que levo aberta, e tiven moitísima afluencia de xente. E á maioría, nin a coñecía de antes.
-E por curiosidade, ¿que corte se leva agora?
-O de Victoria Beckham. E entre os homes, o pelo un pouco longo por atrás e curto por diante, tamén os pelos de punta e, entre os de mediana idade, levar o pelo moi curtiño.