O Ribadumia soña con superarse

AROUSA

Con só 2 puntos menos que hai un ano, Ricardo aspira a mellorar os números do equipo da Senra na súa segunda tempada na Preferente

21 ene 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Hai un ano, no ecuador da súa primeira experiencia na Preferente Autonómica, o Ribadumia vivía un auténtico soño. Cun fútbol combinativo pouco frecuente na categoría, o conxunto dirixido por Ricardo Fernández gañárase o apelativo de equipo revelación. Terceiro na táboa con 34 puntos trala xornada de apertura da segunda volta, o Ribadumia rematou pagando nembargante os seus continuos problemas de lesións para pechar a Liga na decimoterceira praza con 50 puntos.

O club do Salnés apostou o pasado verán pola continuidade, e de novo con Ricardo Fernández e a súa filosofía de xogo como base, vén de abrir o segundo treito do campionato ligueiro na zona nobre da táboa, sexto con 32 puntos. Só 2 menos que hai un ano.

O xogador-adestrador do Ribadumia dicía onte que o seu obxectivo pasa por tentar mellorar o balance do equipo a pasada campaña. Ricardo lembra que desde que asumíu o banquiño da Senra «sempre melloramos dunha tempada para outra. Comezamos ascendendo da Segunda á Primeira Rexional, despois mantivémonos na zona baixa da clasificación, ao ano quedamos terceiros, de aí pasamos a ascender á Preferente», e no debú nesta última categoría asinouse un decimoterceiro posto.

Cos números da primeira volta, a meta de Ricardo semella accesible. Trataríase en principio de sumar cando menos 19 dos 54 puntos que aínda quedan por disputar, e agardar que a competición se desenvolva nuns parámetros semellantes ás da anterior tempada. Hai un ano o terceiro e o decimoterceiro clasificados estaban separados por 8 puntos na vixésima xornada de Liga. Os mesmos que hoxe hai de diferencia entre o Ribadumia, sexto, e o Choco, decimoterceiro.

Para o éxito da súa empresa, ao equipo de Ricardo bastaríalle con manter a extrema fortaleza amosada durante a primeira volta no campo da Senra, onde sumou 26 dos 30 puntos en xogo froito de oito victorias e dous empates. Hoxe, sumada a primeira xornada da segunda volta, o Ribadumia é o único equipo da Preferente Sur aínda invicto en casa propia tras a igualada do domingo co Cruceiro (1-1) e a derrota do Estradense ante o Barbadás (2-3).

De todos os xeitos, e dada a dificultade de manter unha traxectoria como a sinalada, o máis convinte para o cadro arousán sería mellorar sensiblemente a súa traxectoria coma visitante, saldada ata agora con só 5 puntos de 27 posibles, cun partido gañado, dous empatados e seis perdidos. O esperanzador neste punto é que os tres resultados positivos chegaron nas catro últimas saídas dos de Ricardo.

O Ribadumia é sexto na táboa pese a que «arrastramos a mala sorte da tempada pasada coas lesións». Sen Pibe, que partíu unha tibia nun accidente laboral na pretempada, nin Laro, que sufríu un grave accidente de coche ao pouco de comezar a Liga, «o equipo soubo suplir con traballo e esforzo» as baixas de dous homes chamados a marcar as diferencias e as tres ou catro engadidas cada semana nas últimas xornadas, salienta un Ricardo que só pide que remate esta sucesión de contratempos.