Sete xornadas de Liga sen perder non poden desembocar nunha racha semellante en negativo. Con esta idea salta hoxe (17 horas) ao céspede da Lomba o Arousa de Juan Laxes, que pretende cortar calquera atisbo de cambio de ciclo fronte a un irregular Negreira, despois de perder en Liga co Verín hai sete días e de caer eliminado da Copa Deputación na noite do mércores ante un rival de Preferente coma o Estradense (5-2).
Laxes sinalaba onte a importancia de solventar con éxito o choque desta tarde por un segundo motivo. E é que o técnico arlequinado non quere perder de vista a zona nobre da clasificación. Non porque esta sexa o obxectivo do equipo, senón polo apoio anímico que lle proporciona ao plantel o mirar cara arriba antes que cara abaixo.
Isto mesmo pensarán nas filas contrarias. O Negreira chega á Lomba sétimo na clasificación da Terceira con 19 puntos, a 3 dos postos de promoción de ascenso e con outros tantos puntos de ventaxe sobre o Arousa. O cadro coruñés vén amosando nembargante unha notable falta de consistencia no último mes de competición, no que só foi quen de sumar catro dos doce puntos postos en xogo. Rápido de Bouzas e Montañeros deixárono en branco fóra da casa, onde está a ter moitas dificultades para obter réditos. Dos seus seis desprazamentos previos, o Negreira perdeu en catro, derrotando unicamente os dous últimos clasificados, o Somozas (0-1, xornada 3) e o Pontevedra B (0-1, xornada 7).
Laxes, que conta coa única baixa de Nelo, por lesión, agarda un rival cunha interesante mestura de veteranía e xuventude, cunha alta capacidade de repliegue e moito perigo nos segundos balóns, e que soe recurrir ás faltas para cortarlle o ritmo ao rival. De aí que o técnico local considere moi importante «adelantarnos en el marcador».
Respecto á eliminación da Copa Deputación, Laxes asumíu a meirande parte da responsabilidade no descalabro na Estrada. «El miércoles hice demasiadas pruebas, loqueé demasiado a los jugadores. La culpa de que no pasásemos la tenemos todos, pero en esta ocasión el porcentaje en el reparto es mayor de mi parte», recoñeceu o adestrador.