Un convite para ler e falar

Begoña Paso

AROUSA

A campaña «Cantar e Contar» ábrese hoxe apoiada pola mostra de antigüidades e ilustracións de Kalandraka

11 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Cantar e Contar é unha campaña de fomento do galego que desenvolven a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta e a editorial Kalandraka. A idea, artellada encol dos conceptos de tradición e oralidade, desenvolverase ao longo de trece xornadas lectivas en todos os centros de Educación Infantil e Primaria de Vilagarcía, así como nas escolas unitarias do municipio. Mais todo este amplo esquema terá un apoio lúdico e espectacular na biblioteca vilagarciá: unha exposición integrada por ilustracións de Kalandraka, instrumentos e antigüidades.

A iniciativa foi presentada onte aos mestres, profesores, bibliotecarios e educadores pola concelleira de Educación da capital arousá, a socialista Susana Camiño. A biblioteca Rosalía de Castro foi, así, escenario dunha visita guiada á exposición. De feito, a implicación dos docentes resulta fundamental para que os contidos e os obxectivos da actividades transcenda o ámbito da campaña e teñan cabida ao longo de todo o curso escolar. Os promotores, neste senso, fixeron diversas propostas didácticas que poden ser realizadas nas aulas cos alumnos.

Os contos tradicionais

A mostra artística que fica aberta na biblioteca consta, en primeiro lugar, das ilustracións orixinais de contos tradicionais publicados por Kalandraka, probablemente a editorial infantil de meirande prestixio no actual panorama español, ao longo dos seus dez anos de traxectoria. Como complemento, haberá un espazo dedicado á exposición de instrumentos musicais e antigüidades. E para que o aproveitamento das experiencias adquiridas sexa maior, ofrécese tamén un recuncho para a lectura individual destes e outros títulos escollidos, así como unha pequena biblioteca en galego a disposición de todos os nenos.

Algúns dos títulos adaptados para as distintas idades do alumnado son A verdadeira historia de Carapuchiña, Os sete cabritos, A casiña de chocolate, Os tres osos, A ratiña presumida, Chibos chibóns, O coelliño branco e Solaina . Esta escolma centrará os contidos das sesións de contos, que se completan con música en directo de instrumentos tradicionais, e coa introdución de cantigas, adiviñas e refráns. Nela participarán grupos de 50 escolares con idades de catro a oito anos.

Por outra banda, obras como Imaxina animais, Confundindo historias, Artefactes e Un globo vermello servirán de apoio aos obradoiros de escrita nos que participarán grupos de 25 estudantes de nove a once anos. A partir delas faranse propostas de creación literaria en galego, coas que se pretende fomentar a imaxinación dos pequenos.

En total, serán 800 nenos de entre catro e once anos os que tomarán parte na campaña ata o vindeiro día 26.