A Xunta inaugurará mañá o Centro de Tecnificación de Vela

La Voz

AROUSA

O mundo do deporte náutico galego verá mañá por fin o seu soño cumprido. Ás cinco da tarde do xoves 25 de setembro do 2008 a Dirección Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia procederá á inauguración do Centro de Tecnificación de Vela (C.T.V.), que no 2006 se comezou a levantar sobre a parcela que a Autoridade Portuaria de Vilagarcía cedeu para tal fin na zona do Cavadelo. A propia conselleira do ramo, Ánxela Bugallo, presidirá o acto, ao que foron invitados todos os que son na vela galaica: federativos, representantes dos clubs, e dos regatistas, cos campións olímpicos da Clase Tornado, Antón Paz e Fernando Echavarri, á cabeza. As autoridades municipais e portuarias tamén se atopan entre os convidados á cita.

Como case todas as obras de infraestructura pública, a apertura do Centro de Tecnificación de Vela de Vilagarcía chega con retraso. Concretamente, dun ano. Desde o anuncio en decembro do 2006 do daquela director xeral para o Deporte, Santi Domínguez, de que a instalación se inauguraría no verán do 2007, as obras da parcela do Cavadelo sufriron ata dúas extensas prórrogas.

A primeira orixinouse a raíz do parón das obras durante boa parte do citado verán do 2007 e ata comezos de outubro. As inundacións do outono do 2006 e a necesidade de reformar a parte da fachada do proxecto inicial foron as causas aducidas pola Dirección Xeral para o Deporte para explicar a parálise na edificación. A versión de fontes da Federación Galega de Vela informadas polo propio departamento autonómico acabaron desvelando, pola contra, que todo se debeu a un problema orzamentario, ao negarse a constructora do C.T.V. a continuar cos traballos ao non coincidir os seus cálculos de custes co prezo de licitación. Este último, fixado na adxudicación da obra en preto dos dous millóns de euros, uns 330 millóns de pesetas das de antes.

Retomados os traballos, e co mes de xuño do 2008 como nova data oficial de finalización do edificio, a última folga nacional do transporte e a lentitude necesaria para a instalación dos remates dunha obra de autor levaron á Dirección Xeral para o Deporte a anunciar un novo aprazamento da inauguración do Centro de Tecnificación de Vela ata setembro ou outubro.

Os prazos si se cumpriron desta volta, e mañá Ánxela Bugallo procederá á apertura dunha instalación fundamental para o pulo do enorme potencial da vela de competición galega. Un centro cunha superficie de 2.531 metros cadrados divididos en tres niveis. Un semisoto para os pañois e os vestiarios, unha primeira pranta para a escola de vela, as aulas e as oficinas do C.T.V., e un piso superior reservado para os dormitorios dos alumnos do Centro e a súa zona de descanso.