Malia o moito traballo destes días, o máximo responsable das festas de San Roque está satisfeito do resultado dunha programación que encheu as rúas de xente
24 ago 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Como máximo responsable das festas de San Roque, Xosé Castro Ratón viviu uns días especialmente intensos coa inseparable compaña dun teléfono que botaba fume. Malia todo, o esforzo parece que pagou a pena, porque, a poucas horas de que rematase a programación, o concelleiro de Cultura amosaba a súa satisfacción co resultado.
-Dígame cantas veces estivo estes días ao borde do ataque de nervios.
-Bueno, basicamente polo tempo, que foi o que nos mantivo un pouco en vilo, obrigounos sempre a ter un plan a e un plan b para que cada espectáculo programado tivera a seguridade de que se celebraba. Pero bueno, ao final hai que agradecerlle tamén a ese fenómeno da natureza o seu comportamento, porque permitiu que a totalidade dos eventos programados ata agora se celebraran. Pero eses foron os momentos de máis tensión persoal, porque son situacións, ademais, nas que un non ten capacidade para impoñer nada.
-¿Canto tempo leva organizar unhas festas coma as de San Roque?
-Nós temos que ir sempre por diante. Agora xa estamos traballando nos proxectos seguintes. A festa representa un esforzo moi grande. O gasto que se realiza neste programa pode representar o 30% ou o 40% do presuposto total da concellería de Cultura. Ese gasto tamén é equivalente na intensidade. Son, entre unha cousa e outra, da orde dos cen actos en dez días, e isto require un traballo de moito tempo. Terminará San Roque e estaremos xa traballando na preparación do vindeiro ano.
-¿Cal foi o espírito co que se preparou a programación?
-É un tema de xestión e de concepto. Fixamos uns criterios e esa foi a carta de navegación pola que se construíu a programación. Primeiro, situamos á persoa, ao cidadán, por encima de todo. E, polo tanto, estamos pensando en persoas que teñen un enfoque da festa distinto e nós temos que darlle satisfacción a todos. Segundo criterio: facemos un forte investimento de recursos públicos, a parte do que captamos despois fóra, e polo tanto queremos poñer en valor eses recursos en favor dos sectores económicos, en especial da hostalería e do comercio. O terceiro obxectivo que nos fixamos era unha labor global de imaxe que tamén favoreza a proxección de Vilagarcía cara a fóra. Por tanto, iamos intentar colocar as propostas da programación nunha liña vangardista. O cuarto e último obxectivo que nos marcamos foi optimizar ao máximo os recursos intentando minimizar o gasto, e a partir daí abrirnos ao campo das achegas do ámbito privado, cousa que marcou moito a liña de xestión e que se viu plasmada na esponsorización de eventos que tradicionalmente asumía o Concello.
-¿Gastouse máis ou menos ca outras veces?
-En principio estamos un pouco por debaixo do gasto de anos anteriores, tendo en conta que incluímos non só a festa de San Roque, senón o conxunto da programación Verán Vilagarcía .
-Supoño que no tempo de organización tamén habería algún descarte e algún imposible que se barallou.
-Eu chámolle fenómeno iceberg , que mostra aproximadamente un terzo do que realmente existe. O que agora disfruta a cidadanía é escasamente a terceira parte do que pasa por este despacho. Para facer unha síntese dos concertos nós barallamos moitas propostas, non só desde o punto de vista do desexo, senón tamén da xestión. Houbo, evidentemente, descartes, e houbo imposibilidades, pero o que teño que mostrar é satisfacción plena polo que foi o deseño do conxunto dos concertos. Había un deseño, cada escenario tiña a súa filosofía e cada concerto tamén. O de Gogol Bordello significou unha menor presenza de público, pero colocou a Vilagarcía nos informativos estatais. Despois cada un dos concertos tivo o seu público. A punto de rematar a festa, teño que mostrar unha satisfacción total e absoluta pola resposta dos públicos. Creo que encontramos o camiño correcto, que esta é unha liña que a cidadanía estaba agardando e na que debemos seguir camiñando.
-Temíase que a decisión de esponsorizar as carrozas resultase polémica e parece que non foi así.
-Dentro da xestión hai dous aspectos de ruptura. Por encima de todo, a toma de decisións implica sentido común. Teño que encaixar nun presuposto que intencionadamente mandei conxelar o facer unhas festas o mellores posible. En función diso había que tomar decisións que eu vía boas pero que os cidadáns tamén puidesen entender. Eu creo que o tema de esponsorizar as carrozas era lóxico e creo que foi entendido. Non oín, nin no ámbito particular nin no ámbito público, ningunha crítica. Pero hai outra das innovacións que introducimos este ano que creo que tamén foi aceptada unanimemente pola cidadanía: as verbenas con orquestra única. Co mesmo gasto, incluso un pouco menor, conseguimos facer oito verbenas diferentes. Creo que está funcionando perfectamente. No futuro creo que temos un camiño que temos que seguir explorando e os cidadáns seguirán compartindo comigo fórmulas que permitan esponsorizar. Temos que seguir petando no ámbito institucional e no ámbito privado.
-Dígame cal foi o maior acerto e o maior erro.
-Estamos nunha liña media na que non se pode falar de grandes acertos e de grandes erros. Eu estou satisfeito do resultado e creo que ata agora houbo un anxo da garda protector que fixo que todo funcionase.