As festas de San Fidel en 1882

AROUSA

Hai 126 anos, os carrilexos celebraban o seu festexo por excelencia a golpe de serenata marítima e combate naval

26 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

De acordo. O Apóstolo é o patrón. Pero hai unha festa que Carril vive de xeito especial, unha celebración de seu que ten a San Fidel, seus restos, disque romanos, na propia igrexa de Santiago. Neste faiado da memoria que pon en pé a Concellería de Cultura de Vilagarcía atopamos unha referencia ao xeito no que os carrilexos homenaxeaban ao seu santiño hai nada menos que 126 anos.

A Gaceta de Galicia, diario de Santiago, dedícalle tres columnas, tres, ao programa festivo o 19 de xullo de 1882, dez días antes do chupinazo. A introdución, por si mesma, xa merece a pena: «La situación de la villa de Carril es inmejorable. Su especial posición la hace prestarse a cuantos atractivos pueda desear el más exigente bañista. Hospedajes regulares y económicos, facilidad para obtener lo necesario a las exigencias de la vida; rápidas y fáciles comunicaciones con las ciudades y pueblos circunvecinos, hermosa y extensa playa, festonada con larga y erguida arboleda a cuya sombra se hace tan agradable un momento de reposo».

Máis aló das loubanzas barrocas á natureza carrilexa, cómpre subliñar a forma que adoptaba a festa. A saber. O día 29 comezaba cun repique xeral das campás e unha «multitud de fuegos voladores y salva de bombas reales». De contado, saían os xigantes e cabezudos precedidos dos gaiteiros e a banda. Ata as dúas da tarde ruaban os músicos por Carril. Xantar e soneca ata as seis da tarde, intre no que se cantaban solemnes vésperas na igrexa parroquial. Unha hora despois, na entón praza de Alfonso XII, máis música e lumes de artificio «a cargo del acreditado pirotécnico de Padrón, Gregorio Ojeros». O remate viña dado por un combate naval «compuesto de un castillo perfectamente iluminado y dos fragatas» e, ao cabo, polo ascenso dun «magnífico y colosal globo de forma espiral que arrojará luces de bengala».

Regatas e cucaña

A finais do século XIX, o concepto de alborada era do máis purista. Por algo os pasarrúas púñanse a andar ás seis da mañá. Tres horas despois, todos ben espertos e aquelados, «los individuos de la comisión de festejos saldrán a esperar en la estación del ferrocarril a los jóvenes alumnos de la Sociedad Económica de Santiago». A misa grande, ben engalanada con «vistosas colgaduras y arañas de cristal», e o panexírico de rigor, «encomendado a un orador de reconocida elocuencia».

Nesta xornada central, o 30 de xullo, tiñan lugar tamén as celebradas regatas, as únicas nas que vogaban mulleres, que non pasaron a barreira do século XX. De seguido tocaba a quenda da cucaña marítima, «que partirá de un galeón fondeado al efecto». Pouco máis tarde chegaba «la ascensión de la cucaña vertical, que estará situada en la plaza».

Pero, sen dúbida, o máis sobranceiro era a serenata marítima. «En una preciosa embarcación preparada ad hoc y bien iluminada, estarán la orquesta y las voces que han de proporcionar la grata velada». «Hachones y barricas de alquitrán» alumeaban o percorrido da embarcación mentres as prazas e lugares públicos principais lucían «con elegantes flámulas y gallardetes, y dos magníficos arcos de bonita arquitectura», rematado o conxunto cunha «iluminación veneciana». Sen dúbida, para tomar nota.