De pequeno «andaba atravesado» na biblioteca da Illa. De mozo foi concelleiro de Cultura. E de grandiño, adícase ao que sempre lle gustou: producir espectáculos
28 jun 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Podería ter dito que o seu rincón favorito da Arousa é a praia de Lavanqueira. Podería ter argumentado que é pola beleza da paisaxe, pola dozura da brisa, ou mesmo pola transparencia das súas augas. Podería ter dado mil razóns para argumentar o porqué da súa elección. Pero Fáber, Avelino Cores, non se anda polas ramas. «A min ir á praia non me gusta. A min o que me gustan son os chiringuitos». Así que, cando se lle pregunta polo seu lugar preferido apunta ao quiosco da praia de Lavanqueira. «É o meu punto de relax», afirma.
Avelino é carpinteiro de profesión e, de vocación, produtor de espectáculos. O traballo da madeira venlle da familia. O da farándula non sabe de onde saíu. De cativo «xa andaba atravesado pola casa da cultura todo o día», mirando como se montaban e se desmontaban os escenarios. Igual foi daquela cando o rebautizaron como Faber. «Nin me lembro de por que me puxeron así», confesa.
A mediados dos noventa, Avelino e un feixe de amigos decidiron levar ata a Arousa aos Herdeiros da Crus. «Eu e máis uns colegas fomos pedindo polas casas para poder pagarlles». Lembra que sortearan unha bicicleta, pero non recorda a quen lle foi tocar.
Logo, as voltas da vida convertiron ao rapaz en concelleiro de Cultura. E desde ese cargo non lle quedou outra que lanzarse de cabeza ao mundo da programación. A organización do Alén foi para el todo un reto e unha viaxe iniciática cara o futuro. «Aquelo foi incrible». Polo bo e polo malo. «A xente tiña medo de que os que viñesen ao festival acabasen co pobo... E todo o contrario: deixárono todo limpo e deron moitas leccións de educación», recorda agora Avelino Cores.
O presentador daquel evento foi un descoñecido actor galego. Un tal Luis Tosar que co paso do tempo se convertíu nunha auténtica estrela que roda películas en Hollywood. Malia toda a súa fama, o pasado ano volveu á Illa co seu grupo The Ellas. «Esa é a xente que me gusta, xente que naceu de abaixo, que saíu do medio de nós, e que agora seguen a ser persoas do máis humilde que te podes atopar. Os que se topan co éxito de repente tolean».
A el o éxito non o colleu por sorpresa. Cando deixou o concello, tiña unha axenda de contactos envexable. Así que, cando alguén na redonda quería organizar algo, chamaba a Fáber. Pero un día, un amigo púxoo diante dun espello. E foi cando decidiu deixar de ser un programador amateur para se converter nun produtor profesional. «¿Que fago? Pois un produtor é o responsable de todo o que hai nun evento». Desde que non falle ningún elemento técnico, ata deseñar os carteis, comunicar os eventos e darlle difusión... «Son moitas cousas que o público non ve pero que hai que facer ben, porque se non se fan ben e cando o público se da conta».
«O mundo do espectáculo, desde fóra, ten glamur. Pero desde dentro, é traballo», sentencia Fáber entre grolo e grolo de cervexa. Véselle tan relaxado que parece mentira o que di: «Cando estou traballando son puro estrés, o máis nervioso que te podes atopar. E pónseme unha cousa no estómago que non se me pasa ata que remata todo» «¿Pero é para tanto?» «Só che digo unha cousa: eu o verán pasado perdín quince quilos».
A pesares desa dieta forzada, Fáber síntese feliz. «Fago o que máis me gusta e aínda por riba gaño cartos», exclama soltando unha desas risas que sempre o acompañan cando vai de paisano. A parte máis dura do seu traballo, recoñece, é ter que buscar entre os aspirantes a artistas a aqueles que realmente merecen unha oportunidade. Avelino resopla. «De música, pódenme chegar entre 10 e 15 maquetas cada semana. E en plan monologuistas... Mira, cando me chega algún botando por diante que é de Paramount Comedy xa non lle fago nin caso», sentencia.
Escoller non é tarefa fácil, pero é tarefa imprescindible. «Unha das cousas que máis me preocupa é que haxa canteira», sentencia. Intenta ir incorporando aos seus carteis a xente nova que promete. Ata agora o instinto non lle fallou: él, xunto con Cándido Pazó, foi un dos descubridores dese gran xenio do humor que é Rober Bodegas.