A trainerilla xuvenil do Club de Remo Vilaxoán estréase na Regata de La Maruca cun cuarto posto

La Voz

AROUSA

Nada mal lle foron onte as cousas á trainerilla xuvenil do Club de Remo Vilaxoán na que era a súa primeira participación na prestixiosa Regata de La Maruca. Unha proba non oficial marcada nos últimos catro anos pola hexemonía de Mecos (foi campiona do 2004 ao 2006 e segunda no 2007), que nesta ocasión optou por non acudir para que os seus remeiros xuvenís se centrasen no calendario de traíñas da Liga do Noroeste. Vilaxoán rematou onte cuarta en augas santanderinas, cun tempo de 16.09.68.

Con catro tandas de dúas embarcacións cada unha, a actual campiona de España de trainerillas competíu con Getaria á súa par. Camargo foi a vencedora cun tempo de 15.30.29, con Castro A segunda (15.47.85), Getaria terceira (15.55.68), Vilaxoán cuarta (16.09.68), Castro B quinta (16.51.60), Castro C sexta (17.14.77), Santander sétima (17.26.77) e a embarcación feminina de Maruca oitava a última (19.37.43).

Os responsables de Vilaxoán amosábanse onte do máis satisfeitos co papel feito polos seus canteiráns, toda vez que se trataba da súa primeira experiencia nunha regata destas características, na que inscribiron a trainerilla vilagarciá como premio pola gran tempada dos rapaces.

Sen tempo de descansar, os xuvenís de Vilaxoán partiron na tarde de onte de Santander, e tras facer noite en Navia (Asturias) hoxe estarán ás once e media da mañá na liña de saída da regata de Perillo.

Liga do Noroeste

En Oleiros danse cita as 16 embarcacións da Liga do Noroeste de Traíñas para desputar a que é a segunda proba puntuable do calendario de competición.

Os tres representantes do remo arousán acoden a Perillo con diferentes perspectivas. Mentres Mecos aspira a consolidarse nos postos de cabeza logo de asinar o cuarto mellor tempo o pasado domingo en Ares, Amegrove e Vilaxoán pretenden mellorar as súas actuacións, cun undécimo e cun decimocuarto postos de partida, respectivamente.