«Tourís emprega o Concello coma unha arma de oposición á Xunta»

AROUSA

Tabuyo acusa ao alcalde de manter unha política de confrontación. «O PP segue a considerarse o único representante da cidadanía de Cambados», afirma

29 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O principal problema que actualmente presenta o goberno de Cambados é, segundo Domingo Tabuyo, a política de confrontación permanente que mantén coas distintas administracións. «Pouco diálogo, nulo consenso e ningunha colaboración» son as características que emprega o socialista para definir ao alcalde, Xosé Manuel Cores Tourís.

-¿Como valora este último ano de goberno?

-O PP séguese a considerar o único representante da cidadanía de Cambados. Tourís usa o Concello coma unha arma de oposición á Xunta e ao Estado. O pleno é un mero trámite administrativo e os demais elementos de participación nin se empregan. De feito, moitas das iniciativas que presenta o PP están relacionadas con temas que debería abordar o Parlamento Galego.

-¿Quere dicir que o alcalde está máis preocupado da política galega?

-Creo que Tourís está nunha guerra que non ten nada que ver co municipio. A súa guerra é xogar a querer ser o referente do PP na loita que mantén coa Xunta e co Estado.

-¿E cre que iso prexudica aos veciños?

-Os veciños de Cambados agardan que se lle resolvan os problemas que teñen cabida no día a día. E estes seguen a estar presentes. Seguimos cos malos cheiros que orixinan molestias e prexudican a negocios e a familias. O problema dos aparcamentos segue estando aí. Non se resolveu a falla de aparcamentos en superficie e non hai maneira de que se creen aparcamentos subterráneos. Tamén segue o problema do PXOM sen resolver. A Xunta pedíu que se modificara e nós temos constancia de que non se fixo nada. Na política municipal hai tres sectores que están desatendidos. Un é o dos maiores. Non hai centro de día, nin unha área especializada que atenda as súas necesidades tanto sanitarias coma de ocio. Os maiores só se usan en determinados momentos e en festas ás que só está invitado o grupo de goberno. Tampouco hai unha política para os mozos. Habería que crear un espazo no que concentrar, por exemplo, o punto de información xuvenil e todos os servizos que interesen a este colectivo. E o espazo ideal para iso é o antigo matadoiro Tamén están abandonadas as parroquias. E non me refiro só a servizos coma os sumidoiros, senón a todo o que se refire a actividades de ocio dentro das casas de cultura.

-Para facer todo iso sería preciso colaborar coas administracións...

-O PP na bisbarra, especialmente dirixentes destacados coma o de Cambados, está en confrontación permanente coa Xunta. O verbo colaborar é un verbo que non conxugan ben e dedícanse máis esforzos ao enfrontamento que a negociar cousas que arranxen as necesidades dos cambadeses. O Concello non debera ter tantas críticas para o resto das administracións porque moitas iniciativas se están levando a cabo grazas á Xunta. O Barrio de San Francisco, a ampliación do porto deportivo, o aparcamento na nave de Prego, os obradoiros de emprego, por exemplo. Estáse tamén a rehabilitar a fábrica de Peña, o cuarto xulgado está funcionando, o novo cuartel da Garda Civil será unha realidade en breve, a remodelación do paseo da Calzada, que xa está terminada e os plans de seguridade vial. Pero o importante é que a cidadanía quere que as administracións se entendan e que cada un diga o que teña que dicir pero que estea disposto a conseguir cousas en beneficio dos veciños. O gran reto do PP é o de intentar colaborar lealmente coas administracións, aínda que non gobernen eles.

-¿Hai algún cambio entre o PP de agora e o de mandatos anteriores?

-Basicamente é o mesmo. O único que fixeron foi recorrer ao enfrontamento coa Xunta porque os cidadáns dixeron que os que deberían gobernar eran unha coalición e eles non se consideran representados. Non están a gusto con ter perdido o poder e todos as súas propostas van na dirección de enfrontamento con todos os proxectos que fai a Xunta.

-¿Cumpriu Tourís o seu programa?

-O PP non cumpre coa cidadanía e centra os seus esforzos en enfrontarse coa Xunta en vez de afrontar os problemas dos cambadeses. As administracións están para colaborar lealmente, goberne quen goberne.