Instruccións para romper unha parella no auditorio

AROUSA

Vilagarcía pon en escea «Non é tan fácil», unha hilarante comedia asinada polo membro de Tricicle, Paco Mir

29 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Para comezar, presentar de boas a primeiras Non é tan fácil non é tan doado. Mais se o espectador empeza por ter en conta que se trata dunha comedia que ten acadado 16 premios, entre eles un Max, continúa por coñecer o seu autor, Paco Mir, membro dos xeniais Tricicle, e remata por saber que a súa versión galega está a recoller os aplausos do público máis dispar ao longo e ancho do país, a cousa devén moito máis sinxela. Non é tan fácil chega mañá ao auditorio de Vilagarcía. Hora e media de continuas gargalladas a cargo da compañía Malasombra. Teatro de altura a partir das nove da noite e prezos asequibles para estes tempos nos que o gasóleo cotiza a niveis de capón de Vilalba polo Nadal: 5, 4 ou 3 euros en función da butaca escollida.

Onte, o director, Marcos Orsi, e o principal protagonista, Xoque Carbajal, acompañaron a Xosé Castro Ratón na presentación da comedia na capital arousá. A situación de partida dá xa a medida das dificultades ás que terá que se enfrontar Quique, o heroe da historia. O bo de Quique leva saíndo sete anos coa súa noiva, Andrea. Mais o home está canso da relación e quere atopar un xeito de rachar con ela. Nestes casos sempre aparece unha barra polo medio, adornada polo inevitable barman, neste caso Lucas, amigo dos consellos e a psicoloxía de garrafa. Xuntos irán repasando un feixe de disparatadas posibilidades para abrir o desamor.

«É unha comedia baseada no espírito de Tricicle, de Paco Mir. E hai que ter en conta que, sendo Tricicle unha compañía xestual, Mir escribe un texto dinámico, divertido, a partir dunha idea moi interesante», explica o responsable da montaxe. Xoque, que dá vida a Quique, entende que se trata «dun personaxe moi particular, que nin sequera ten moi claro se quere ou non deixar a súa moza». Esta incerteza orixinal desencadea «situacións que o público recoñece, ¿quen non empregou algunha vez este tipo de disparates para tentar deixar ou que o deixen?».

A proximidade destas situacións debe de ser moita, cando tanto os universitarios do Cubi, en Vigo, coma os espectadores máis veteranos que seguiron a obra en Redondela «non pararon de rir ata ter que ir mesmo ao corredor para botar unhas gargalladas». Non hai mellor síntoma de que unha comedia funciona.

A escenografía, á altura do dinamismo que esixe o texto de Paco Mir, é obra de Malasombra, ao igual que o vestiario. O deseño de son vén asinado por Orsi e Miguel Ángel Carbajal. O deseño de iluminación é cousa de Juanjo Amado e o propio director. Finalmente, ademais de Xoque Carbajal, coma Quique, o elenco inclúe a Sandra Lesta, no papel da noiva Andrea, e a Pablo Alvarado en tanto que infalible barman e lisérxico conselleiro.