O nacionalista asegura que nada cambiou no goberno municipal no último ano. Nin sequera a relación coa Xunta, «que pode considerarse como nula», critica
28 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Este primeiro ano de mandato foi tamén o primeiro de Víctor Caamaño na política local de Cambados. Pero aínda que non estaba na anterior etapa de Cores Tourís coma alcalde, o nacionalista asegura que as cousas non cambiaron. «Da a sensación de que se senten avalados polos resultados electorais e de que non están dispostos a cambiar nada», afirma. A falta de diálogo tanto coa oposición coma coa Xunta, é a principal eiva do equipo do PP, engade.
-¿Como valora este primeiro ano de goberno?
-A impresión que teño con respecto ao funcionamento do goberno é que se segue na mesma liña. Empezamos cun amago de cambio porque por primeira vez se reuníu a xunta de portavoces, pero iso non se volveu repetir. Segue sendo coma sempre. Formamos parte do Concello pero se queremos saber o que pasa temos que ler o xornal. Temos moi pouco acceso ás cousas do Concello e dá a sensación de que es unha persoa allea e, aínda que non gobernemos, deberiamos estar enterados de todo. A razón é que non se conta coa oposición para nada. O diálogo a nivel local non o hai por iso tampouco me resulta raro que no haxa diálogo coa administración galega. O que boto de menos é que conten contigo para colaborar e que teñan en conta as túas propostas.
-Vamos, que tampouco existe diálogo coa Xunta...
-Dende que cambiou o goberno galego a relación co actual goberno pódese considerar de nula. Non cambiou nada dende hai dous anos para agora. A liña que se marcou Tourís é a de que este non é un goberno amigo. Ese é o punto de partida que mantén.
-Tourís, en cambio, di que vostedes non lle axudan.
-Adoita usar esa escusa de que a oposición non axuda. Pero iso precisa unha reunión previa, formular proxectos comúns e entón todos pelexaremos porque iso saia adiante. Non vale ter un proxecto persoal que nós non compartimos e saír dicindo que non o apoiamos.
-¿Cumpre o PP co seu programa electoral?
-O último programa electoral local foi moito menos ambicioso cos anteriores. Os seus programas están baseados en obras públicas, que se vexan, pero non aparecía, por exemplo, unha cousa imprescindible para o Concello como o plan xeral. Volveremos dentro de catro anos e estará no mesmo estado. Tampouco se preocupou polos cheiros, nin dos aparcamentos. Non sei cal será a súa grande obra, pero todo parece indicar que vai ser o centro de día. Se iso é así, está mal enfocado porque se trata dunha obra cunha finalidade social e hai que pensar en que funcionará ben, non en que sexa bonita. Para que funcione ben hai que achegarse a Vicepresidencia e pasar a formar parte do consorcio e entón sería máis doado contar con ese centro de día. Pero iso significa actuar coma non se está facendo. A Deputación pode proporcionar os cartos para facer o edificio pero despois hai que xestionalo e facer que funcione de forma permanente e iso só se consegue formando parte do consorcio.
-¿Funcionará peor se o xestiona o Concello?
-É que hai servizos que funcionan porque esta Administración segue mantendo axudas para iso, pero os trámites causan retrasos e para iso se creou o consorcio, para evitar eses retrasos. Un centro de día, o CIM, o servizo de axuda a domicilio... son servizos que teñen que funcionar os 365 días. En Cambados, actualmente, o goberno municipal pon por diante os seus intereses políticos sobre os intereses do cidadán.
-¿E como valora a xestión do BNG neste ano?
-No BNG, o grupo municipal é todo novo. Esa situación coincide coa renovación da corporación e con que non había ningunha estratexia política para facer unha oposición destrutiva. Así que comezamos a traballar coa intención de colaborar e ofrecer o maior número de propostas. Pero nos atopamos con que a capacidade de manobra é moi pouca. Se lles propuxo aumentar o número de plenos e que a maior parte dos temas pasaran polo pleno, pero o labor de oposición construtiva é imposible no Concello cambadés porque dende o goberno municipal non contan con ninguén e polo tanto o labor municipal do BNG é tremendamente difícil. Tentamos potenciar o nosa labor social porque no labor político estamos tremendamente coartados pola posición pouco dialogante do goberno.