Quen fose neno nestes tempos nos que colexios, concellos e institucións non paran de organizar actividades para que os máis cativos se divirtan sen deixar de aprender. Sen ir máis lonxe, onte celebrábase no parque Miguel Hernández o Correlingua e, uns metros máis aló, no colexio da Escardia, rapaces de varios centros de Vilagarcía participaron nunha xornada de intercambios lúdicos e deportivos.
Preto de mil estudantes de colexios e de institutos da bisbarra xuntáronse onte nas inmediacións do auditorio para participar nunha carreira pola lingua. Desde alí partiron cara ao paseo marítimo e volveron de novo ata a explanada do Miguel Hernández, onde os agardaba unha botelliña de auga -a maioría do líquido non foi só para dentro, por certo- e un grande espectáculo.
Os nenos tamén recibiron unha camiseta azul como recordo da súa participación nesta proba, de tal maneira que ese grande espazo lateral do Consello Regulador do Mexillón se converteu nun gran manto de cor azul. Así uniformados, os rapaces asistiron ao espectáculo que para eles deron os do Xabarín Club e tamén os integrantes do grupo de teatro Chévere. Con eles pasaron un bo anaco, pero se non fose así, tampouco faría falla, posto que os nenos chéganse de sobra para pasalo ben.
Mesturado con toda esta xuventude non faltaba tampouco algún maior, entre os que se contaban a alcaldesa de Vilagarcía, Dolores García , o tenente de alcalde, Xosé Castro Ratón , e as concelleiras Susana Camiño e Dolores Couso . Tamén algúns funcionarios municipais se quixeron achegar ata a festa e colaboraron no reparto de botellíns de auga aos rapaces que chegaban suorosos trala carreira.
Pero se os maiores quereriamos volver ser nenos, aos rapaces de agora parece que non lles importa mirar cara atrás. No colexio da Escardia recibiron onte a compañeiros de Vilaxoán, Arealonga e O Piñeiriño para compartir, durante boa parte da mañá, un anaco de diversión a base de xogos tradicionais. E ben que o pasaron os raparigos con esas actividades tan antigas.
Quen está de noraboa é Marisol Bueno , a anterior presidenta do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas. A adegueira foi recoñecida co premio de honra Damas del Vino 2008 que concede a adega Finca Los Nevados. Bueno recolleu o premio o mércores, de mans da súa antecesora, Ana Martín Onzain . A propietaria de Pazo de Señoráns foi durante 23 anos presidenta do Consello, cargo que ocupou ata o pasado ano. Por iso recibíu este galardón, xustificado na súa «dedicación, entrega, apoyo y promoción del vino en nuestro país». Pois nada, moitas felicidades.