Uns seiscentos cativos da comarca participarán nas viaxes en ferrocarril para fomentar o uso do galego
25 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.O Tren Caixanova inicia hoxe os seus itinerarios desde Vilagarcía para fomentar o uso do galego entre os nenos da comarca que contan entre cinco e oito anos de idade. Desde esta estación partirán nas próximas semanas arredor de seiscentos cativos que se repartirán en tres viaxes.
O acto de presentación desta iniciativa terá lugar esta mañá, ás 9.45 horas, na estación de ferrocarril. Nesta primeira saída daranlle a benvida aos rapaces o artista Xaquín Chaves, o director de comarca de Caixanova, Javier Villaronga, e o concelleiro de Cultura, Xosé Castro Ratón.
Despois os nenos emprenderán viaxe cara a Santiago, acompañados de contacontos e grupos de animación que desenvolverán actividades encamiñadas a incentivar aos nenos a expresarse en galego. Ao mesmo tempo, aproveitarán para dar a coñecer a historia do tren en Galicia e as súas vantaxes como medio de transporte. Neste primeiro percorrido participarán douscentos alumnos dos colexios Pilar Maestu Sierra, Alfonso Rodríguez Castelao, A Lomba, San Clemente de Cesar e Rosalía de Castro.
Esta iniciativa, que se desenvolve todos os anos, ten como obxectivo que os nenos descubran a viaxe en tren, que coñezan algo máis Galicia e que se acheguen á cultura e ao idioma galego dun xeito activo. Por suposto, toda a comunicación durante a viaxe será en galego.