«As mulleres só reciben apoio cando a situación é dramática»

AROUSA

Segundo Varela, en moitos casos, as vítimas de malos tratos só contan coa súa familia «cando as atopan tiradas no chan»

16 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Mariña Varela é a avogada que, dende hai anos, se ocupa do Centro de Información á Muller (CIM) de Cambados. Insiste en que, actualmente, o principal problema que se atopan moitas mulleres é o non dispor de recursos económicos. «No CIM queremos aportar o noso gran de area e á xente que ven sempre lle recomendamos que non deixe de traballar e de ter os seus propios ingresos», recomenda.

-¿É importante celebrar datas coma a recentemente festexada da muller traballadora?

-Eu creo que si. Fundamentalmente nesta comarca, na que dende tempos inmemoriais, a muller traballa e non se lle recoñece, nin social, nin economicamente. A práctica totalidade das mulleres traballaba e nin sequera cotizaba. Por iso si é importante. Sen descoidar, por suposto, a reivindicación que hai de lograr a igualdade entre o home e a muller.

-¿Segue a existir tanta desigualdade entre homes e mulleres?

-Casualmente, este ano imos organizar un obradoiro para rapaces. É un obradoiro de supervivencia para ensinarlle tarefas domésticas aos nenos. Eu creo que iso é fundamental. Non hai máis que visitar os colexios para comprobar que as tarefas domésticas as fan as nais e as avoas. Aquí segue pesando moito nas tarefas do fogar a muller, pese a que é unha comarca na que se traballa moito fóra da casa. Hai uns meses fixemos un obradoiro de coidado a persoas dependentes. O 90% da xente que coida a estas persoas son mulleres.

-¿Como se pode cambiar?

-É moi complicado porque suporía cargar de traballo a quen está liberado. Eu penso que é cuestión de tempo e de mentalización.

-¿Non temos parte da culpa as mulleres, que malcriamos a fillos e maridos?

-Eu resístome a botarlle a culpa porque non teñen liberdade para decidilo. Creo que, en realidade, se ven abocadas por idiosincrasia, por cultura, por formación ou por medo. O que temos que facer é tentar axudar as nenas e involucrar á parte masculina. É complicado, porque non vai querer. Son traballos invisibles, e so se ven se non se fan.

-Din que as novas xeracións son máis machistas ¿iso é certo?

-Nas charlas que damos nos colexios, nótase. As nenas van máis femininas que nunca, incluso nos xoguetes que utilizan e a situación é preocupante. Ven películas de Disney, que son profundamente sexistas. Pero, a cambio, tamén hai moita xente do sector masculino que se está involucrando, coma o profesora, que entende e participa e incluso demanda os programas que facemos no CIM.

-¿Cales son problemas máis frecuentes que centran as súas consultas?

-Sobre todo, problemas de dereito civil e familiar. Hai pouca independencia económica das mulleres e iso acaba complicando as relacións familiares. Non pasa tanto en Cambados, como nos arredores. Hai familias que conviven xuntas, cos pais ou cos sogros e iso acarrexa problemas porque falta independencia emocional e tamén económica.

-Vamos que a vivenda segue a dar problemas...

-Ultimamente as hipotecas e a vida están caras e hai xente que continúa no ámbito familiar. Un familiar lle presta o terreo á parella e fan unha casa. Cando se separan créanse uns problemas que non se van solventar nunca. Se unha persoa non é independente economicamente, vaise encontrar con moitos inconvintes.

-¿Son as mulleres as que peor o pasan nestes casos?

-Tradicionalmente, o home, dende máis novo empeza a percibir un salario e ten cotización. El si ten medios de vida, pero a muller apenas terá cotizado. A parte de ter que recuperar a súa independencia emocional, en moitos casos, ten que incorporarse de novo ao mercado laboral e deixar atrás xente e patrimonio. Ten que empezar de cero. Por iso sempre dicimos que se debe fomentar a independencia e a educación en igualdade.

-A pesar de toda a información e de todo o que acontece ¿seguen a ter problemas de malos tratos?

-Sobre todo porque se trata de violencia polo feito de ser muller, nesta sociedade tan retrógrada e machista. Polo feito de ser muller hai certa presión que acaba en violencia, de moitos tipos, psicolóxica, física, sexual, económica. Pero o certo é que sofren violencia polo feito de ser muller.

-A verdade é que moitos non o entendemos ¿por que non denuncia?

-Hai moito medo á reacción. Se as vítimas son novas, de entre 30 e 50 anos, teñen medo da familia, da propia e da política. Teñen medo do que lle poidan recriminar. Teñen medo tamén a que o agresor sexa máis violento. Nas maiores de cincuenta anos, o problema é económico. Viven situacións de maltrato que son insostibles, porque elas o recoñecen, pero elas mesmas din que non poden deixalo, porque a casa non é súa, porque non poden mercar a súa metade... Nun dos talleres que organizamos, un garda civil, que se encargaba de vixiar o cumprimento das ordes de afastamento, contounos como unha vítima lle pedía que esta semana non o controlase, que era tempo de poda. Parece cómico, pero eu quedei moi impactada porque reflexa que a propia muller non o ten claro. O problema é que todas as axudas son escasas ou chegan con retraso.

-¿Pero é que realmente as familias defenden aos maltratadores?

-Eu detecto que si. A maioría das mulleres so reciben apoio cando a situación que viven é dramática. No momento no que as atopan tiradas no chan, feridas a xente reacciona, pero a violencia doméstica ten que ser entendida coma un problema da sociedade e mentres non se entenda así, non faremos nada.