A estas alturas, non fai falla explicar que é o 100 Pipers , con ou sen coca-cola. A potente marca de güisqui vén de abrir un concurso de maquetas para grupos galegos. E das terras da Arousa chegan Undertown Project, coa idea de comerlle esta aposta aos Sen Ghaiteiros . Para botar unha man abonda con votar por Undertown na páxina www.100pipersmusic.es.
-¿Como vai isto do concurso?
-Nada, limos as bases e pode participar calquera grupo que non teña nada editado a nivel oficial. A nosa banda é moi noviña, levamos catro meses, e aínda que acabamos de comezar temos a sorte de ter un pequeno estudo, aquí, na casa. Así que gravamos unha maqueta e enviámoslla aos de 100 Pipers . Eu son o guitarra, Adrián, de Vilanova, o batería; Tania, que tamén é de A Illa, é a nosa voz; e Álex, de Vilagarcía, o baixista.
-Vaia, ¿e como fan dous de A Illa e Vilanova para tocar xuntos? ¿Non haberá lea aí?
-Non, ho, que vai haber. Eu tamén toco con Seixas, na Neuroband, e estamos xente de toda a comarca. De cando en cando fago acústicos tamén cun rapaz de Cambados. Non hai problema, home.
-Non haberá. Ben, ¿e de que pau vai Undertown? ¿que propoñedes?
-Podemos dicir que facemos rock progresivo [vense por aí camisetas de Dream Theater], dende Muse ata Tool. Tamén nos gustan Pearl Jam e Soundgarden, na liña do grunge . Estamos a medio camiño entre o si e o non.
-¿Para cando en directo?
-Axiña, empezaremos aquí, na Arousa, con Faber de mánager.