«O sexo e a prostitución só son un compoñente máis do libro»

AROUSA

A experiencia do autor á fronte de varias casas de citas de luxo volta a impregnar a súa terceira novela

09 dic 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Aos seus 35 anos, o cambadés Antonio Lorenzo Gómez Charlín agarda a próxima chegada do 2008 coa satisfacción de ver publicada a súa terceira novela, Hay putas que tienen algo de santas . Facendo boa a máxima literaria de experimentar na vida para dotar despois de espírito a súa creación, o autor volta a impregnar a súa máis recente proposta do pouso vital de tres anos á fronte de varias casas de citas de luxo na súa Canarias de adopción. Ata alí chegou este campión de España de maratón por equipos movido pola oferta laboral da construcción. Dez anos de peón de albañil que acabaron quedando atrás sen pena ningunha para probar no mundo da prostitución, antes de recalar no motel de Adeje (Tenerife) no que traballa desde hai seis anos. Unha editorial arxentina decidíu apostar por Hay putas que tienen algo de santas . Suxestivo escaparate rodeado de guiños ao lector, como a identidade do seu padriño, un diácono canario, ou a capacidade para predecir a rodaxe da película de Vicente Aranda, Canciones de amor en Lolita's club .

-«Hay putas que tienen algo de santas». Un título sen dúbida provocador...

-A editorial arxentina que a publicou decidíu incluíla na súa colección de novela erótica. Pero eu entendo que o erotismo, o sexo e a prostitución só son compoñentes da novela. Están presentes, pero como un elemento máis. Hai outras cuestións que son tan ou máis importantes na obra, como o feito de ver como o pasado axuda a configurar o presente. No meu libro conto a historia de amor entre un escritor e unha prostituta ao longo de 18 anos. Así comezo a reseña da novela, na que tento transmitir a idea do amor e do sexo como fontes imprescindibles para sentirnos libres e vulnerables, pero tamén o peso abrumador do pasado e dos acontecementos azarosos e incontrolables que van construíndo o noso presente. É un libro moi dinámico, moito mellor cós meus dous anteriores. Carmen Posadas, a gañadora do Premio Planeta 1998, díxome que é moi ousado. Eu non o creo tanto...

-Cun título encabezado pola palabra puta conseguir que un diácono católico o presente en sociedade é todo un golpe de efecto...

-Presentamos o libro no mes de maio en Adeje. Alí hai un diácono, Manuel Gabriel Trujillo, pertencente á corrente da Teoría da Liberación, que antes de ser cura foi guerrilleiro en Venezuela, e que tamén se dedica a escribir.

-Voltando á reseña do seu libro, resulta sorprendente ler que o seu protagonista dirixe a adaptación cinematográfica da novela de Juan Marsé «Canciones de amor en Lolita's Club», película de Vicente Aranda (coa prostitución como parte do telón de fondo) que acaba de ser estreada...

-Eu rematei Hay putas que tienen algo de santas en agosto do 2006. Cal foi a miña sorpresa cando hai tres ou catro meses me enterei de que Vicente Aranda rematara a rodaxe da película. A min gústame o libro de Juan Marsé, e con boa ou mala sorte, quixen falar del na miña novela. E ata acertei no nome do actor que interpreta o papel principal, Eduardo Noriega. Mesmo creo que tamén o da actriz. Na miña obra poño que é colombiana, pero como cando a escribín non lembraba o nome, non o puxen (Flora Martínez).

-A súa novela non se atopa en librerías...

-Non, agora só se pode mercar a través de Internet, na páxina da editorial arxentina: www.elaleph.com. Tiráronse 1.000 exemplares, pero xa se esgotaron en Canarias. As miñas dúas primeiras novelas publicounas a obra social de Caja Canarias, pero non me gustou como as editaron e busquei unha alternativa. Entereime de que esta editorial arxentina tiña un selo, ediciones deauno.com que coeditaba a autores. Eles cobren a metade dos gastos, e o autor ten que correr co resto. Por sorte conseguín a axuda dunha librería de Tenerife, Todo Hobby.

-E xa está de novo mans á obra. ¿O seu próximo traballo seguirá a liña de «Hay putas que tienen algo de santas»?...

-Xa teño moi avanzada a cuarta novela, e conto con tela publicada a finais do 2008 ou comezos do 2009. A primeira, El sueño de la noche azul , era unha especie de diario íntimo, e a prostitución tiña un pequeno oco. Na segunda, El camarero está triste , o tema tiña máis presencia.