O auditorio será escenario mañá e o sábado da peza «Noite de Reis», dirixida por Quico Cadaval
22 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.Vilagarcía volverá encher mañá as máis de 750 prazas do seu auditorio. A ocasión non é para menos, posto que o Centro Dramático Galego achega á cidade a adaptación dunha comedia de Shakespeare da man dun dos directores máis consagrados, Quico Cadaval. A obra Noite de Reis. Ou o que queirades represéntase mañá nunha función destinada aos escolares.
Todos os institutos de Vilagarcía poderán mandar a algúns dos seus alumnos a gozar deste espectáculo, pero tamén virán estudantes de Cuntis, Coroso (Ribeira), Agolada, A Pobra, A Estrada ou Caldas.
Con esta iniciativa trátase de achegar o teatro a os máis novos, cun tema que en todas as idades, pero sobre todo na adolescencia, interesa moito: o amor. A cita será ás once da mañá.
Pero os que xa cumprisen algúns anos máis tamén poderán pasar un bo anaco con esta obra. O sábado, neste caso a partir das nove da noite, terá lugar unha segunda función, neste caso aberta a todo o público.
Tanto o concelleiro de Cultura de Vilagarcía, Xosé Castro Ratón, coma o director da obra, Quico Cadaval, e os dous actores que onte asistiron á presentación en Vilagarcía, Xosé Manuel Olveira Pico e Simone Negrín, agardan que tamén o sábado se encha o auditorio. Esperan, así, que Vilagarcía siga o camiño de éxito que esta función está tendo en todo o seu recorrido por Galicia.
Para quen queira presenciar esta aposta, as entradas están á venda polo sistema habitual na páxina web ou no teléfono de Caixanova. Tamén o mesmo día da función se poden adquirir no auditorio. O prezo é de cinco euros.
O director da obra, Quico Cadaval, definiu onte a peza como «unha comedia de chico busca chica, chica busca chico, chico busca chico e chica busca chica». Efectivamente, é unha comedia sobre as tolemias de amor, moi «mediterránea», moi «veraniega» e «moi moderna», posto que «Shakespeare fixo unha montaxe moderna e nós quixemos ser leais con el e facer unha montaxe moderna».
Para a posta en escena, actores de luxo, como Pico, Negrín, Marcos Orsi, Susana Dans, Víctor Mosqueira, Xan Cejudo, Marcos Correa, e Borja Fernández. Tamén participan os músicos Bernardo Martínez, Suso Alonso e Ramón Orencio.