«Esta tempada non foi mala, pero as tivemos mellores»

AROUSA

O alma mater do mellor equipo de piragüismo de España sinala o traballo colectivo como clave do éxito do club catoirense, ao tempo que carga contra a Federación

19 sep 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

O pasado domingo pechábase a tempada 2007 de piragüismo coa celebración do Descenso do Sil. O As Torres proclamábase ese día campión do Gran Premio de Galicia de Ríos e Travesías, que sumaba ao G.P. de Promoción, ao G.P. de Pista, á Copa de España de Promoción e aos títulos de mellor equipo de España (Liga Nacional Hernando Calleja) e de Galicia (Copa Xunta). O director técnico e alma mater do As Torres, Manuel Isorna, analiza nesta entrevista os condionantes do éxito do equipo catoirense, pero tamén os atrancos que, denuncia, están a poñer desde a Federación Galega e Española ao crecemento do As Torres, denuncia Isorna.

-Liga Nacional e Copa Xunta. Tempada redonda...

-Esta non foi unha mala tempada, pero tivémolas mellores.

-¿Como consegue o equipo dun concello de nin 3.500 habitantes gañar cinco ligas nacionais consecutivas?

-Penso que é unha cuestión de traballo. Dos pais, dos directivos e dos adestradores, moitos deles por pura vocación, facendo unha labor impagable. E por suposto, polo traballo dos palistas. En contra do que moita xente pensa, o noso é un deporte que esixe unha gran dedicación. Os palistas do noso club teñen unha media de cinco adestramentos semanais a partir da categoría cadete, e practicamente perden tódalas fins de semana para dedicarllas ao piragüismo. España é un país moi grande, e moita xente quere gañar. Este ano, o certo é que en ningún momento pensabamos en gañar a Liga. Sufrimos moitas baixas, sobre todo na categoría sénior por razóns de estudio e de traballo, co que non podiamos contrarrestar a superioridade do Tudense e do Breogán. Co que non contabamos era con que estes dous equipos tiveran tan pouco traballada a promoción. Tódolos clubs soemos saír con entre 20 e 25 infantís. Nós fixémolo este ano mesmo con algún menos, pero o Tudense e o Breogán baixaron moito.

-A pista é a modalidade raíña nas grandes citas internacionais, e tamén semella a asignatura pendente do As Torres...

-Nós levamos sacando xente moi boa en pista. Esta tempada, sen ir máis lonxe, o noso C-4 Sénior foi medalla no Campionato de España. O noso obxectivo é preparar a xente para pista. Pero dáse a circunstancia de que aínda que temos xente que demostrou na auga que tiña dereito a unha oportunidade na selección española, esa oportunidade foille negada. María Pérez foi campiona de España sub 23 o ano pasado, e ao contrario do que acontece noutros países, non se contou con ela máis que para o equipo de maratón. Natividad Busto gañou o Máster Nacional hai dous anos e fixo undécima no Mundial, e este ano dinlle que non contan con ela. Diego Bouzas, outro canoísta espléndido co que non quixeron contar. Desde o As Torres xa non nos importa demasiado se os nosos palistas entran ou non no Centro de Tecnificación, porque se ata hai seis anos sabías que accedendo ao Centro e traballando ben ías ter unha oportunidade na selección nacional, agora xa non é así. Fáltannos 2-3 deportistas no equipo nacional que mereciamos ter, e que non temos.

-Vostede é un dos maiores críticos coa xestión das federacións galega e española...

-A crítica é positiva. Eles tamén son críticos comigo. Eu non agocho nada, e sempre digo o que penso. Nos últimos anos levo vendo cousas que non me gustan das federacións. Sempre dixen que Galicia estaba a maltratar as súas damas séniores. A evolución doutros deportes náuticos respecto ao piragüismo é moito maior, sobre todo no que respecta á compensación dos deportistas. Levamos estancados desde hai 30 anos.