O Centro Dramático Galego trae «A piragua» a Vilagarcía

La Voz M. S. | VILAGARCÍA

AROUSA

TONO ARIAS

Crónica | Representación teatral no auditorio Mañá mércores escenifícase no escenario vilagarcián esta peza escrita e dirixida por Cándido Pazó, unha mirada diferente a un tema actual como a violencia doméstica

04 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

El Centro Dramático Galego chega mañá a Vilagarcía coa súa última produción. A partir das nove da noite representarase a obra A piragua , un texto escrito e dirixido por Cándido Pazó, autor que por primeira vez desde 1995 colabora en tarefas de dirección co CDG. Neste caso, o Centro Dramático Galego quixo apostar por un tema de actualidade, coa intención de que «o público sinta que se lle fala de cousas que eles entenden e coñecen», explica a súa directora, Cristina Domínguez. Con esta premisa, Cándido Pazó quixo entrar nun tema tan complexo como é o da violencia doméstica. Sen embargo, quixo facelo non desde unha visión maniquea, senón ofertando aos espectadores varios puntos de vista sobre a mesma temática e deixando que sexa o público quen elixa o seu propio. O resultado é «un espectáculo divertido e cercano», pero no que tampouco faltan os silencios e incluso as bágoas. O argumento desta peza parte dunha reunión da comunidade de propietarios dun edificio. No momento dos rogos e preguntas, un deles protesta porque hai un veciño que ten unha piragua na súa praza de garaxe. A comunidade divídese nos seus pareceres sobre ese tema. Seguindo esta disputa, descóbrese que nunha das vivendas está desencadeándose unha situación de violencia doméstica. Nela inspírase unha compañía de teatro que, veciña tamén do edificio, pretende desenvolver unha obra sobre ese tipo de conflito familiar. O elenco está encabezado pola parella protagonista, composta por Xosé Manuel Olveira -Delio- e Susana Dans -Rosa-. Xunto a eles actúan Iolanda Muíños, Marcos Orsi, César Goldi, Ricardo de Barreiro e Marián Bañobre. As entradas para o espectáculo poden adquirirse hoxe na web www.servinova.es ou no número de teléfono 902 504 500, ou mañá no propio auditorio. O prezo é de cinco euros ou de dous para os posuidores da tarxeta En2.