Tartufismo

X. A. OCHOA

AROUSA

VENTO DA TRAVESÍA | O |

19 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

NESTES días corre polémica pola Lei de Medidas Urxentes de Protección do Litoral. Curioso: É lei que nin sequera, en moitos aspectos, necesitaba ter tal rango porque regula, basicamente, o desenvolvemento da anterior norma de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural, do 2002, feita con maioría do PP no Parlamento e con Xosé Cuíña de adaíl. Non hai, propiamente, innovación substancial no que xa estaba regulado. Imos ver: Aplícase nos Concellos que non teñen adaptado o Planeamento á Lei do 2002. Pregunto: ¿Quén ten a responsabilidade de tal desidia, pasados 5 anos?. A lei do 2002 di, literalmente, que «en todo caso, dado o valor do litoral como recurso natural e ambiental non renovable, entenderase que a ordenación urbanística dos terreos situados na franxa de 500 metros desde a ribeira do mar afecta aos intereses autonómicos». Cumprir o mandato do 2002 é o que se fai agora. Ítem máis: No 2004 integráronse na Rede Natura e reguláronse as zonas húmidas protexidas en 73 dos 87 municipios costeiros e a citada Lei obrigaba a adaptar o planeamento a tal circunstancia; e todo seguiu como quen oe chover. A mesma norma daba un ano para que o Parlamento aprobase directrices de ordenación do territorio: de novo, nin caso. Por desinterese ou por interese. Por iso é imprescindible suspender as actuacións no litoral, nos solos que poden urbanizarse e nos solos urbanos non consolidados; non inflúe en terreos onde xa non era posible edificar, nin nos solos urbanos consolidados. A suspensión ten como límites que o Concello faga os deberes e aprobe normativa urbanística sometida a avaliación medioambiental ou que a Xunta publique o Plan de Ordenación do Litoral. Convén, polo tanto, dicir a verdade, defender o común e salvagardar o futuro. O demais non leva a ningures e dá medo quen queira proceder doutro xeito. Responsabilidade, por favor.