En directo | A festa no Grove A obra de Lueiro tivo onte unha única voz. Políticos e representantes sociais xuntáronse nunha lectura pública para homenaxear ao seu autor máis insigne
17 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.? cita era para o mediodía pero o programa cambiou e os actos en memoria de Manuel Lueiro Rey empezaron preto da unha. A Praza de Arriba estaba ateigada de xente e converteuse nun escenario de excepción para ver xuntos a boa parte dos representantes políticos e sociais do Grove. Todos os candidatos a alcaldía estaban convidados para participar na lectura pública da novela de Lueiro Non debían medrar e só fallou Fredi Bea, que tiña boa escusa. Está remando en Hungría para o campionato de Mundo. De tódolos xeitos a quenda de intervencións non a abriu ningún político. A organización reservoulle este privilexio ao profesor Xoán Fuentes Castro e a el seguíronse logo outros moitos, como o patrón maior e a presidenta de Emgrobes. Antes falaron Avelino Ochoa, quen cualificou a Lueiro de «precioso símbolo histórico dunha época difícil no persoal e literario», e Antón Mascato que fixo un breve percorrido pola vida daquel neno que chegou a O Grove con sete anos e que publicou o seu primeiro artigo aos dezaseis. Del dixo que foi exemplo de «compromiso vital e político cos desfavorecidos» e anunciou que desde a Asociación pola Memoria Histórica do Grove vaise seguir loitando para evitar que o seu recordo decaia. Onte o conseguiron entre o sol e a sombra da Praza da Arriba e a pesares dalgúns problemiñas técnicos co micrófono. Era o acto principal da programación das Letras Galegas, pero non o único. Mentres Mari Carmen Cacabelos, de Érguete, deixaba claro o seu dominio da globoflexia na Praza Pratería e repartía agasallos entre os nenos, a poucos metros, na Praza de Arriba, actuaban os bailaríns de Cantodorxo e os alumnos do colexio Valle-Inclán representaban sendas obras teatrais. Houbo tamén postos de libros nos que mirar e mercar e os máis cativos recibiron contos gratis. Non hai desculpa para non ler.