Entrevista | José Antonio Cacabelos Rico Cacabelos sostén que no Grove só hai uns socialistas; os que respaldan ao PSOE
10 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.?osé Cacabelos chega á súa primeira campaña electoral logo dun profundo debate interno no Partido Socialista, con inevitable conflito incluído. Malia todo, asegura, o momento do PSOE é histórico. -¿Como chega o seu partido ás eleccións, logo de todo o que pasou? -Sinceramente, chegamos no mellor momento e na mellor situación. Ben é certo que atravesamos momentos revoltos, pero teño que alabar a familia socialista do Grove. Mesmo a xente máis crítica está co partido. Eu non podo pedir máis do noso partido. Estou moi contento. É unha situación histórica na que os veciños do Grove poden apostar firmemente polo PSOE. -¿E vostede? ¿Como chega animicamente? Non deixa de ser a súa primeira experiencia política. -Con toda a ilusión do mundo e o ánimo a tope, desbordado, tentando recoller as propostas dos veciños. Cos oídos ben abertos para escoitar a todos. É o momento dos veciños que vivimos todo o ano no Grove. A política ten que deixar de dar as costas e mirar de fronte á xente. -Así que ben. -Persoalmente, moi ben. Con gañas de demostrar que o que O Grove precisa é o liderazgo político necesario para levar adiante proxectos esenciais. -É certo que ollando os resultados das xerais e as autonómicas, o PSOE demostra potencial abondo como para gañar unhas eleccións. Logo chegan as municipais e eses resultados non acompañan. ¿Por que este fenómeno? -Ben, habería que explicar as peculiaridades que se dan no Grove. Este é un dos concellos nos que más candidaturas independentes se presentan. Polo tanto creo que ou non se transmiten ben as ideas, ou estes partidos provocan un certo desencanto entre a xente. Hai que mirar polo futuro e insisto en que o PSOE está nun momento histórico, que nunca se deu antes, tanto en Galicia coma no Grove. Ese capital social que temos os socialistas no Grove temos que traducilo no apoio de toda a xente de esquerdas, de progreso, de futuro. Facer que esta xente aposte por un proxecto que quere transformar O Grove. -¿Está o peor inimigo na propia casa, José? -Teño que dicir que os socialistas están co PSOE e van votar o PSOE. Nesta vida non se pode estar na misa e repicando. É o momento de apostar por un equipo sólido, con garantías e capacidade de gobernar. O Grove non pode seguir esperando. A base é conformar un goberno cun grupo cohesionado, cun proxecto común. Canta máis cohesión máis capacidade de xestión. O dos grupos de goberno trufados de intereses particulares, sempre discutindo entre eles, que pasan catro anos a pelexar en lugar de aportar solucións, rematouse. Os veciños, froito da política do goberno local, van apostar por nós. Estou plenamente convencido. -Si, pero ¿ata que punto pode afectar o fenómeno Ayda Filgueira a ese obxectivo de acadar un goberno cohesionado? -Insisto. Os socialistas do Grove están no PSOE. Non nos confundamos. A xente que quere un cambio está no PSdeG, é a única candidatura socialista que se presenta a estas eleccións. Todo o demais responde a outros intereses sobre os que non teño absolutamente nada que opinar. Socialistas no Grove só hai uns, e estamos no PSdeG. -Filgueira foi moi dura, e acusouno a vostede de querer ser un candidato a dedo. ¿Que ten que dicir? -En realidade non teño moito que responderlle. Pero a súa insistencia lévame a dicir dúas ou tres cousas. Para empezar, teño o respaldo do 80% da asemblea do PSOE do Grove. Polo tanto eu síntome totalmente respaldado a través dun sistema plenamente democrático. A partir de aí, eu, como candidato independente que entón era, púxenme a disposición do que marcou o partido. Outros, xa digo, impulsados por non sei que intereses terán outra opinión. E máis nada. Falemos dos veciños e do Grove, que é o que realmente interesa. -De acordo. ¿Garante vostede un goberno de esquerdas coa alcaldía para a forza máis votada? -A forza máis votada da esquerda, queres dicir. -Efectivamente. -Ben, eu espero que esa forza sexamos o PSOE, pero en calquera caso ninguén pode dubidar do noso partido, pola súa historia e a súa tradición. Nós imos buscar un proxecto, un goberno de progreso e non asino resultado ningún antes do partido. Penso que por fin os veciños van valorar que precisamos atraer inversións e proxectos, que non podemos seguir sendo o vagón de cola do Salnés. E iso implica un partido sólido e con capacidade de xestionar e reclamar perante as Administracións. O PP tivo oito anos para facelo e non soubo aproveitalo. -Dígame, ¿que ten que ser O Grove? -Ten que ser o Concello de referencia no Salnés, sempre que se fale na ría de Arousa. Mesmo en toda Galicia. E temos a potencialidade para conseguilo. Somos un paraíso como enclave xeográfico, temos a capacidade e os valores da nosa xente. Só fai falta o liderazgo político.