«Na súa casa cada un goberna como quere, pero no Concello non»

Maruxa Alfonso Laya
M. Alfonso VILAGARCÍA

AROUSA

Entrevista | Salomé Peña A única rexedora da comarca presenta o seu labor como aval para a reelección

01 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

Considera que a súa labor como alcaldesa nos últimos catro anos «estivo chea de atrancos» pero asegura que, a pesar diso, tense feito moito no municipio. Por iso, Salomé Peña espera que os veciños lle renoven a súa confianza. -¿Que teñen as inauguracións de Ribadumia que son tan multitudinarias? -Eu creo que as inauguracións demostran que esas obras eran necesarias e que son ben recibidas polos veciños. É o caso da ponte de Santa Marta, que foi unha obra moi esperada para mellorar a seguridade vial e para recuperar a antiga ponte. O mesmo sucedeu co auditorio. O feito de facer unha inauguración é para darlle aos veciños a oportunidade de que coñezan estes novos servizos. A pesar de que nos critiquen, creo que as inauguracións son imprescindibles. -Barral foi o seu xefe ¿como é agora a súa relación con el? -A miña relación co resto dos grupos da oposición é cordial. Lamento que pola súa parte non sexa do mesmo xeito. É moi crispado e recorre ao insulto. Levo aguantado moitas faltas de respecto pola súa parte. Levamos catro anos e iso pode comprobarse nos plenos, onde a súa actuación é critica, pero non construtiva senón a base de insultos. -¿E con Louzán? Moitos din que Ribadumia é a nena bonita da Deputación. -Está claro que grazas a que na Deputación está Rafael se están conseguindo unha serie de proxectos que ao Concello lle levarían moito máis tempo. Pero non só en Ribadumia, senón en toda a comarca. Témoslle que agradecer o gran labor que está facendo agora que o Goberno da Xunta nos denega bastantes proxectos que estaban en marcha -Resuma o que está a acontecer co polígono. -Un polígono industrial é fundamental para o pobo. O que criticamos é a forma de xestionalo. Por culpa desa mala xestión o Concello ten agora unha débeda cunha empresa e foi porque se fixo todo sen papeis, con adxudicacións a dedo e sen proxectos. Na súa casa, cada un goberna como quere, pero no Concello non. -Ribadumia mudou moito nos últimos anos... -A imaxe de Ribadumia de hai seis anos é completamente distinta á de agora. Pero non só en infraestruturas, creo que tamén se mellorou na forma de facer goberno. Agora os veciños son o máis importante e reunímonos con eles antes de facer calquera obra. Foi o caso das aceiras de Sisán, onde a nosa proposta non gustou e agora ímola cambiar. Para nós é importante consensuar e facer partícipes aos nosos veciños. -Pasou de gobernar en maioría a facelo en minoría ¿é duro o cambio? -O cambio foi grande. Os últimos catro anos foron anos nos que traballamos intensamente e con moitos impedimentos. Pero grazas a esa labor conseguimos sacar adiante moitos proxectos. Boto en falta propostas por parte dos independentes. -¿Como serán os resultados das eleccións? -Dende logo, agora me presento avalada polos feitos. Fixemos moito durante estes anos en cultura, infraestruturas, políticas sociais... e realmente nestas eleccións o resultado creemos que vai ser bastante mellor. Presentámonos cos deberes cumpridos e, aínda que faltan cousas por facer, creo que nestes seis anos demostramos que a nosa xestión é transparente, eficaz e comprometida cos veciños. Só hai que velo. -¿É duro ser a única alcaldesa? -Agora xa teño unha compañeira, que é a alcaldesa de Sanxenxo. Durante estes catro anos a relación foi boa, pero a verdade é que me gustaría que houbera moitas máis mulleres. A verdade é que en ningún momento sentín ningún tipo de discriminación, pero esperemos que a partir do próximo 27 de maio haxa moitas máis mulleres.