«Que ninguén se equivoque, eu vou pola maioría absoluta»

Serxio González Souto
Serxio González VILAGARCÍA

AROUSA

VÍTOR MEJUTO

Entrevista | María Isabel Castro Barreiro Castro non anda con andrómenas. Quere a alcaldía para «mellorar Pontecesures»

24 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

?oi concelleira independente no 95. No 1999 saíu escollida polo PP. Dende o 2003 volveu á independencia e un ano máis tarde entrou no goberno local. «Se desta volta non é o que ten que ser -anuncia- déixoo, serían xa 16 anos en política e, como adoita dicirse, pasóuseme o tempo». -Entón, ¿que é iso que ten que ser? -Que fose alcaldesa, quitar a maioría absoluta. -¿Coida que é posible? -Sempre o vexo posible, senón non me presentaría. Serán as urnas as que decidan o día 27. Pero é que se eu mesma non me vexo gañadora... xa me dirás. Ti cando compras un décimo de lotería, digo eu que será para gañar. -Eh... si, claro. -Normal, todo o mundo o fai. Pois isto é o mesmo. -Correcto. Agora unha con retranca. ¿Non será vostede zurda? -Non, son de centro, traballo coas dúas mans. Eu tamén respondo con retranca. Todo o mundo clasifícame nas dereitas porque estiven co PP, pero iso non me importa. Ao pobo non lle interesa se un é de esquerdas ou de dereitas, senón que traballen por el. Na nosa lista temos xente do PP, do PSOE, do BNG e xente que non se define. -Dicíao porque está apoiando ao BNG. -¿Por que teño que eu estar apoiando ao BNG e non o BNG a min? -Polos números, porque teñen máis concelleiros. -Ah, pero os números non sempre saen. Son independente e o futuro está por ver. Que ninguén se equivoque, eu vou pola maioría absoluta. Non estamos integrados no BNG, somos un partido diferente e que ninguén crea que se van mesturar as cousas. -Pero o goberno vai. -Funcionamos como un equipo, aínda que somos opostos totalmente. A min gústanme máis os pequenos detalles, mirar por que os cidadáns teñan as súas necesidades cubertas. El, o señor alcalde, mira máis cara as grandes cousas. Pero vese que funciona. Aínda quitándome a media dedicación, traballei sen ver un peso e fixen o meu labor. Seica a alguén na oposición lle molestaba isto. -¿Foi unha vinganza? -Si, claro. Ese que ti ben sabes tivo ciumes políticos ao ver que estaba a realizar un traballo ben feito. -A todo isto, ¿contaron con vostede para o intento aquel de moción de censura contra o alcalde? -Comigo falou alguén para dicir que lles gustaría ser sete. ¿Que pasou? Que a moción non foi arriba porque todos eles querían a alcaldía. Eu non ía ser menos, claro. Pero non foron os únicos en chamar. -¿Quen máis, logo? -O Partido Galeguista e Terra Galega. -¿Díxolles que non? -Non me parecía xusto andar cambiando dun lado para outro. Ao ser independente non estou suxeita ao que diga este ou aquel partido. A miña non é unha campaña global, senón dedicación integra para mirar polo meu pobo. Aquí quen fala son os meus compañeiros, ninguén impón nada dende arriba. Non temos padriños. -Para rematar as complicacións, recibiu vostede unha serie de ameazas. -Dou por sentado que sería por política. A alguén molestoulle o que eu estaba a facer, alguén que debía estar afeito a outras cousas. Para nada son covarde. Se tiven medo foi polos meus.