Entrevista | Mari Carme Martínez Rodiño Rodiño defende a educación en liberdade e o respecto ás ideas
20 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.É a súa segunda vez como candidata á alcaldía de Meis, aínda que antes fora xa concelleira. A Carme Rodiño poucas cousas lle poden coller xa por sorpresa. -¿Sabe canto custa un xogo de paus de golf? -Nin me preocupa. Pois mira, gustaríame que lle fixeses esta mesma pregunta aos veciños de Meis. Non o saberían nin catro. Nós non temos nada contra do golf, só faltaría. Pero vendéronnolo como algo que ía potenciar a nosa economía. Fíxose en terreos dos veciños e con aportación de cartos públicos. E ao cabo o pobo non tivo beneficio ningún, a non ser unha estrada tremenda que vai por Armenteira arriba. Nin sequera teñen actividade relacionada cos colexios. Hai, por certo, un circuíto medio abandonado que si ten nenos. Aí, nin caso. -Disque ten vostede unha leira a monte. -O BNG non ten propiedades en Meis, e a candidata tampouco. Pero non son orfa, teño familiares e hai unha finca dunha miña tía. Nin imaxinas os terreos abandonados que hai en Meis, dunha tía miña ou dun cuñado do alcalde. Iso díxoo o señor Pérez Estévez porque tivo un ataque de nervios e non ten argumentos. É barriobaixeiro. Mira, se os veciños me escollen exercerei como alcaldesa sexa con quen sexa. -Non tería problemas para pactar cos independentes, supoño. -¿E logo? -O candidato é o seu irmán, teño entendido. -Perdoa. Unha cousa é que sexa o meu irmán, e outra é a política do Concello. Non ten nada que ver. O meu irmán é militante do PP de toda a vida, e eu do BNG de toda a vida. E nunca tivemos un problema. A nós educáronnos en liberdade. Comemos na casa dos meus pais algún domingo que outro, e non discutimos de política. Polo demais, os personalismos e as liortas do PP non nos interesan. Os resultados terán que poñelos os veciños. Nós temos un proxecto claro. -¿É a autovía a Pontevedra unha nova navallada? -Unha navallada é facer algo sen contar para nada coa xente. A autovía é necesaria porque o tráfico que satura a estrada actual é insoportable. Todos xuntos podemos facer que afecte o menos posible. Nisto podiamos estar todos xuntos: as asociacións de veciños, as forzas políticas, o Concello... Pedíronllo en San Tomé, pero o alcalde negouse. -¿E a peaxe da AP-9? -Iso é unha hipocrisía do PP que non merece nin palabra. Nós cremos que é posible unha desviación pequena cara o norte, que salve as canteiras. Pedímoslle á consellería que envíe aos seus técnicos a reunirse cos veciños. Querendo, as cousas teñen solución. -¿Ence no polígono? -Imos por partes, primeiro o polígono... Oes, eu teño sona de enrollarme coma unha persiana. Ti córtame se ves que me paso. -Ningún problema. -Ben, en Meis a día de hoxe non hai nada de nada, só publicidade, non realidade. Falábase antes do polígono en Meis ca en Barro, e xa ves. Mesmo no 2000 Xestur botaba xa balóns fóra. En canto a Ence, o señor alcalde comezou a tolear el só e a tolear tamén os veciños. Nós estabamos en contra de Ence no 2004 e seguimos en contra agora. Haberá que lembrarlle a moción na que nós pedimos o rexeite non xa de Ence, senón de calquera industria contaminante. E o PP, agás un concelleiro que se abstivo, votou en contra.