Entrevista | Jorge Domínguez Rosal Coa mesma ilusión que hai 16 anos, Domínguez tentará revalidar o seu cargo porque, ao contrario que outros, el non se aburre das tarefas de alcaldía
11 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.Cree que as mancomunidades son o futuro para os concellos pequenos coma Meaño, pero recoñece que o seu éxito depende «da fe que os concellos poñan nela». Só leva catro anos como presidente da entidade comarcal, pero ten a experiencia de 16 coma alcalde de Meaño. -Despois de tanto tempo ¿non se aburre de ser alcalde? -Non me aburro primeiro porque ser alcalde é un traballo que me encanta e, segundo, porque sigo tendo a mesma ilusión. Agora estamos elaborando o programa electoral e o estamos facendo como o da primeira vez que me presentei. Mentres teña ilusión por facer cousas estarei encantado e non me aburrirei. -Con tan pouca oposición ¿Non se sinte moi soliño? -Ese é un comentario do exterior. A oposición de Meaño é bastante positiva. Cando o goberno lle da participación á oposición e esta sinte que pode participar, dende fora da a impresión de que non hai oposición porque aquí temos unha mentalidade de oposición do non. Nós, en cambio, temos unha oposición bastante construtiva e que plantexa cousas. Por iso a xente pensa que non é unha oposición, pero non é así. -Dende que entrou no PP perderon os goberno de Madrid e da Xunta ¿síntese responsable? -Só falta perder o Concello de Meaño, a ver se vou ser eu o gafe. Son ciclos. Ninguén contaba con que o PP perdera o goberno en España, pero no pasa nada. Os partidos se fan fortes na medida en que pasen por todo, polo goberno e pola oposición. Eu xa fun un alcalde sen partido e non pasou nada. -¿Silgar ou A Lanzada? -A Lanzada, aínda que vivín moitos anos diante de Xilgar. Cando vou á praia vou á Lanzada. -Se non é Rías Baixas ¿que bebe? -O Rioja. Gústame o tinto, e normalmente bebo sempre Rioja ou Rías Baixas. -¿Un lugar para tomar unha copa? -Calquera parte de Meaño: Covas, Dena, Lores... -¿Canto costa cear nun furancho? -Pois me parece que é demasiado barato. Eu nunca cenei nun, pero polo que me contaron unha parella pode pagar por unha tortilla e unha botella de viño uns vinte euros, dez por cabeza. -¿Que opina sobre a polémica dos loureiros? -Opino que a hostalería ten razón porque os furanchos perderon o seu sentido inicial, sobre todo os que xa son verdadeiros restaurantes. Que se legalicen, como están facendo en Meaño, porque son unha competencia desleal e unha cousa é vender o viño sobrante e outra moi diferente, convertelos en verdadeiros restaurantes nos que hai que facer cola para conseguir unha mesa. -Vaise a Arxentina ¿a buscar votos? -No, eu vou por un traballo do partido. Aínda que estou preocupado porque me informaron de que hai moitos veciños que, ao cobrar pensión, non reciben os medicamentos gratuítos e quería informarme sobre este problema. Non vou a buscar votos, porque a vez que máis tiven, tiven cinco. Non creo que as eleccións se gañen en Arxentina e o PP xa o ten comprobado.