O Pombal
19 mar 2007 . Actualizado a las 06:00 h.Si se topan nos seus paseos por Vilagarcía a un tipo cargado cunha pedra volcánica, ou a outro gravando sons pola vila adiante, saiba vostede que está perante de dous dos artistas mexicanos que estes días visitan as nosas terras nun intercambio posto en marcha polo colectivo Alternativas Gea denominado «Identidades 2007». As rúas vilagarciás acollerán todo tipo de manifestacións artísticas -ademáis das habituais, por suposto- durante toda esta semana. Prisciliano Jiménez é o que cargará co metate, unha pedra volcánica que se utiliza para moer millo. Outros proxectos mexicanos son «A muller de lume», de Quy Lan Lachino ou «Muro de besos», de Elizabeth Ross. Roberto Castro Rojas é o que recollerá sons na cidade, Eduardo Rubio creará unha instalación con obxectos que atope nas rúas e Amadís Ross gravará en vídeo todas as actividades. Trátase dun intercambio, polo tanto tamén haberá representación galega en distintas actuacións que asemade poderán ser disfrutadas polos vilagarciáns. Pola banda da nosa terra, Marta Rial debuxará ollos con rotuladores de tinta lavable nas cristaleiras do Auditorio, José Luiz Oubiña colocará nas rúas siluetas de madeira cubertas con fotografías de personaxes anónimas, Daniel fará murais con fotos en branco e negro, retocadas en acrílico, onde sempre hai publicidade, Juan Carlos Platis actuará sobre un muro do porto para crear unha escultura combinada con pintura i Edmundo Paz construirá unha escultura de grandes dimensións utilizando palés como materia prima. Os nosos representantes desplazaranse á localidade mexicana de Michoacán no mes de maio. Estamos na Cuaresma. Tempo de reflexión e tamén de intercambios, polo que se ve. Os alumnos do CPI Julio Becerra Malvar, de Barrantes, tamén marchan. No seu caso farán unha ruta literaria de Don Quijote en Daimiel (Ciudad Real) na que visitarán os principais lugares descritos por Miguel de Cervantes na súa obra. Silvia López foi a profesora encargada da coordinación do proxecto, e di que «é froito dun intenso traballo por parte do alumnado e do profesorado». Os vintecatro afortunados iniciarán hoxe a actividade, que durará ata o día 26 deste mes.