Os gaiteiros únense para pactar prezos mínimos e pedir seguridade

Bea Costa
B. Costa VILAGARCÍA

AROUSA

O colectivo quéixase de que as comisións de festas téñenos por «músicos de segunda»

13 mar 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

Coa tempada de festas chamando á porta, os grupos de gaitas de Arousa decidiron facer unha posta en común para reivindicar ás comisións contratantes que lles paguen e lles dean un trato artístico conforme á súa categoría. Vinte e tres grupos están convocados esta noite (20.30 horas) a unha xuntanza en Vilagarcía co fin de tomar decisións ao respecto. A proposta que está sobre a mesa é establecer un prezo mínimo por actuación que roldaría os 250 euros e a partir de aí cada agrupación, en función do número de integrantes e da súa calidade musical, porá as súas propias tarifas «tendo a seguridade de que as comisións non poderán xogar con nós dicíndonos que tal grupo vaille pola metade dos cartos», segundo explican os convocantes. «Polo menos na nosa zona non lle irán ¡Que gasten menos en bombas!», engaden. Os gaiteiros cren que xa chegou o tempo de poñer un pouco de orde neste sector co fin de que os grupos folclóricos deixen de ser os parentes pobres das festas. «O motivo obedece ao xogo que, de sempre, fan as comisións de festas e os intermediarios para conseguir un prezo o máis barato posible, considerándonos músicos de segunda e sendo os últimos en ser contratados, despois das orquestras, bandas de música, charangas e os fogos. Mesmo en moitas ocasións nin sequera aparece mencionado o nome do grupo nos carteis das festas indicando tan só que se trata dun grupo de gaitas do país». Para facerse vale os gaiteiros parecen estar dispostos a plantar cara ás comisión e, xa postos, van demandar tamén maior seguridade nas actuacións. Aínda é frecuente velos tocando a alborada subidos a unha camioneta e compartindo espazo co fogueteiro. Polo de agora non houbo desgrazas importantes, pero xa houbo que lamentar algún que outro susto e accidente leve. Hai un par de anos, en Renza, saltou unha chispa dun foguete na camioneta e algún músico tivo que ir ao hospital. O mellor parado daquel incidente saíu co traxe chamuscado. Un dos promotores da iniciativa, o gaiteiro dos Terribles de Arousa Carlos Rei, afirma que, no que á seguridade e trato aos grupos de gaitas se refire, danse casos «de vergoña». Pero non é o seu propósito facer unha análise sobre o modelo de festas do Salnés. Carlos Rei limítase a pedir que as comisións contraten un seguro de responsabilidade civil co que responder ante calquera accidente cos fogos ou co transporte. Con este fronte común, os gaiteiros de Arousa queren deixar claro ante a opinión pública, especialmente ás comisións, «que en contra do que se puidera pensar, a nosa rivalidade só é no escenario, todos queremos facelo o mellor posible, pero non hai rivalidade nin pique entre os grupos, ao contrario». Segundo lembra Carlos Rei, hai 25 anos xa houbera un intento en Arousa de facer un pacto de mínimos en favor do colectivo e nos últimos tempos tamén foi un asunto que ocupou á Asociación de Gaiteiros Galegos. Hoxe, en Vilagarcía, pódese crear un precedente.