Vilagarcía suda deporte

La Voz

AROUSA

MARTINA MISER

O Pombal Óscar Pereiro, Chus Lago, Fredi Bea, Sara Gómez, Raúl Bouzas e Miriam González abriron onte o programa de actos da festa anual dos deportistas da localidade

06 mar 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

É curioso, pero, se cadra, si se lle pregunta a alguén que asocie a redondez con algo, é bastante posible que o primeiro no que pense sexa nun balón. No deporte, en fin. Velaí que unha mesa redonda debería versar obrigatoriamente sobre o asunto deportivo, aínda que haiche moitas por aí que divagan sobre temas que lles parecen máis interesantes. E algo diso, de deporte queremos dicir, pasou onte na sala de conferencias do auditorio. En plena competencia coa Liga de Campións, e baixo o título de «O deporte galego de alto nivel», abriuse o cartel da Festa do Deporte de Vilagarcía. Cartel de luxo A relación de participantes na charla era o suficientemente interesante como para deixar a Ronaldinho e cia. de lado, aínda que fora ata a segunda parte. Óscar Pereiro, virtual gañador do Tour de Francia, será o nome máis recoñecible para moitos dos lectores, pero os méritos de Chus Lago, destacada alpinista, e de Fredi Bea, que vai a pola súa quinta participación nus Xogos Olímpicos son indiscutbiles. Ao seu carón, a representación local, tamén espectacular. Aí estaban Sara Gómez, habitual nas selección españolas das categorías inferiores, Raúl Bouzas, que vai para figura do taekwondo, e Miriam Domínguez, a nova estrela do Extrugasa Atlético Arousana. Todos eles baixo as ordes do adestrador de onte da mesa redonda: Terio Carrera. A festa segue O de onte foi o primeiro de toda unha lista de actividades. Hoxe, por exemplo, hai outra charla (de José Luis García Soldán), tamén no auditorio, e baixo o título: «Saúde e deporte».