O pombal Onte empezaron os traballos para montar a nova maqueta do Museo do Ferrocarril ao tempo que seguían as visitas. Desta volta foi unha delegación estranxeira
27 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.Durante o segundo semestre do 2006 visitaron o Museo do Ferrocarril de Vilagarcía 2.324 persoas. A maioría eran galegos, da comarca, e os estranxeiros só foron o 2,4%. No balance do 2007 seguro que haberá máis. Onte, sen ir máis lonxe, recibiuse nas instalacións de Carril unha delegación de rapaces procedentes de Finlandia, Grecia, Portugal e Bulgaria que se atopan por Galicia participando nun intercambio promovido pola asociación de veciños de Pazos (Padrón). Trátase do Programa Xuventude, subvencionado pola Unión Europea, que se concibe como un intercambio de experiencias en relación ao problema que supoñen os accidentes de tráfico. Os mozos estarán en Galicia ata o día 3 e onte fixeron parada en Vilagarcía onde visitaron, ademais do Museo do Ferrocarril, o Centro de interpretación da Ría situado a poucos metros, ao pé da mesma praia Compostela. Un miradoiro de luxo que seguro souberon apreciar. Unha miniatura de tres metros de longo O Museo do Ferrocarril empezou a súa particular viaxe hai oito meses, pero aínda lle queda camiño por andar. Os visitantes que como os de onte se acheguen a estas instalacións teñen moito que ver: fotografías, ferramentas, bibliografía e ata unha proxección sobre a historia do ferrocarril ligada a Vilagarcía en 3D. Pero, pouco a pouco, a oferta vai a máis. O museo recibiu onte unha nova maqueta que, sen dúbida, converterase nun dos seus principais atractivos. Trátase dunha maqueta en miniatura, de tres metros de longo por algo máis dun metro de ancho, que representa un escenario alpino con casas e árbores e que contará con dúas vías polas que poderán circular os trens. Onte empezaron os traballos para a súa instalación no museo despois dun periplo por estrada no que houbo que poñer moito mimo. A maqueta é moi fráxil pero, afortunadamente, chegou en perfecto estado a Vilagarcía. Os operarios aínda tardarán uns días en montala e non será ata entón cando o concelleiro de Cultura, Roberto Araújo , a presente en sociedade. A maqueta, cedida polo Museo Nacional Ferroviario, formará parte da exposición permanente das instalacións de Carril.