O «Yellow submarine» á gaita

La Voz

AROUSA

O pombal A música dos Beatles soou en Cambados cos acordes galaicos máis enxebres. A idea, non podía ser doutro xeito, foi de Unha Grande Chea que logro encher Zao

17 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

Os de Unha Grande Chea víñano anunciando desde había tempo e había expectación. O venres de Entroido celebrábase a Noite Beatle e a discoteca Zao encheu, vaia se encheu. Desde a media noite ata as seis da mañá estivo soando a música dos británicos sen parar. Pero non só a golpe de cedé. O mellor foron as versións en directo que interpretaron os cambadeses, e algún que non o era. Alí estiveron os Pombos Albino e Marina ; Montse a de Vilas e por suposto, os da comparsa: Salva o Fico , Xaquín (Chon), Ulloa , Domínguez , Richard e como convidado especial o gaiteiro Xaquín Xesteira . E que a cousa precisaba intérpretes de altura. Atrevéronse este comparseiros metidos a músicos a tocar o Yellow submarine con tambor e dándolle ao fol e, segundo contan os que o escoitaron, aquilo tiña o seu aquel. Que aprendan os Escarabajos. Pero non só houbo música. A noite converteuse nunha homenaxe entroideira aos Beatles e á súa época. Así que por alí andaban as Núñez cos pelos cardados e os tupés dos sesenta e unha consorte dos da Grande Chea vestida ao Marilyn. E por suposto, hippys coas melenas e panos e medallóns ao lombo a escachar. De todos os estilos e de todas as idades. A festa logrou xuntar a xentes de distintas xeracións, desde os de 18 que saben dos Beatles de oídas ata algunha xubilada que se tiraba dos pelos cos melenudos de Liverpool nos seus tempos mozos. Un éxito total no que o tirón do Lennon e compaña algo tiveron que ver, pero só algo. O resto e cousa dos outros artistas .