Delirios de amor e poesía

Bea Costa
B. Costa VILAGARCÍA

AROUSA

Reportaxe | Actos de San Valentín en Vilagarcía Juan Carballo volve e esta vez os seus versos irán aderezados con música, literatura e cine nunha montaxe que se anuncia como «distinta a todo». A cita é o venres

09 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

Aínda que Carballo confesa que non cre moito niso do San Valentín, si cre no amor, de xeito que non tivo dúbidas á hora de aceptar o reto de participar nas actividades que organiza o Concello de Vilagarcía co gallo do Día dos namorados. Non será o propio día 14, que cae en mércores. A cita trasládase ao venres 16, a partir das 21.15 horas, na casa de cultura. A entrada é gratuíta. Trátase dunha representación poética que chegará ao público baixo a suxerinte título de Elaborando o meu delirio . Segundo a descrición do propio Juan Carballo, é unha posta en escena dun delirio de amor envolto cos seus poemas máis íntimos ademais de musica, literatura e cine. Non estará só. Para esta viaxe embarcouse co cuarteto de jazz The Syndicate, os cantautores Moncho Núñez e Karlos Abal, a escritora Ledicia Costas e Nuria Díaz que encargarase da parte audiovisual. O fixo porque ademais de amigos son «xeniais» no seu traballo. A representación farase nun escenario que recrea a habitación do propio Juan Carballo, un lugar de seu no que flúen os poemas. Hoxe recito na miña casa ... Así arrincará o recital que prolongarase durante algo máis dunha hora e no cal o público poderá asistir a un anoitecer moi particular seguindo unha proxección en tempo real. Tanto Juan Carballo como a concelleira de Xuventude, María Araújo, insistiron onte na singularidade desta actividade. «Vai ser algo distinto, moi bonito e novidoso», indicou a concelleira. «En vez de facer un recital común quería facer algo especial. A misión do poeta é tentar transmitir a poesía, con formas que lles resulten próximas á xente como son a música e o audiovisual. A poesía non só é para quedarse nas estanterías», subliñou este poeta nado en Bilbao no ano 1981 e que se trasladou a vivir a Galicia aos dez anos. Desde Vilagarcía leva tempo cultivando a súa faciana lírica a través de publicacións en revistas e xornais e o seu primeiro libro Na miña fiestra e outros poemas de andar pola casa . Nestes días colabora con Nuria Díaz no Salón do libro infantil e xuvenil de Pontevedra. O venres estará na súa cidade para participar na que dan en chamar festa do amor, desde o seu particular prisma. «É unha das mellores formas de celebrar o décimo aniversario do concurso de poemas e cartas de amor», destacou onte María Araújo. O prazo de presentación dos traballos rematou onte e haberá que esperar ao día 12 para coñecer aos gañadores.