AREOSO | O |
05 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.CARLOS GUERRERO non atopaba unha explicación para o que estaba a ver o sábado en Fontecarmoa. Faltaban cinco minutos para que comezara o partido do Extrugasa e sesenta espectadores estaban nas bancadas da neveira con canastras. O concelleiro, tras un par de minutos dándolle os miolos, dixo: «Xa está, é pola Cenicienta». Pois sería. A verdade é que cando xa se estaba a xogar chegou moita xente e houbo a boa entrada que é habitual. Pero entre que aparcar por alá arriba é unha cousa terrible nese aparcadoiro de deseño (que non pase un autobús por alí preto é algo que non me explico), que o Arxil puxo un partido das xuvenís case que á mesma hora en Pontevedra, e que en Vilagarcía chégase o pavillón co tempo xusto para pedirlle unha caña e unhas pipas a Carmen e a Víctor, a presentación dos equipos foi máis fría que normalmente. Raro pareceume tamén a actitude do persoal que se achegou a Fontecarmoa. Dáme a impresión que falta unha pausa para asumir polo que está a loitar o club. Falamos de clasificarse por primeira vez na historia para pelexar polo título de Liga. Nunca, nun deporte de equipo, estivo un club de Vilagarcía tan alto no escalafón. E ando a notar que ou non se lle quere ver ou non se lle quere dar o mérito que isto ten. Nun sitio máis ou menos normal a xente esquecería todas as parvadas que se dan por aquí e enchería o pavillón nos partidos que lle quedan o seu equipo. Véxoo máis difícil en Vilagarcía. A estas alturas aínda toca escoitar de cando vez que o baloncesto feminino non é o mesmo co masculino, cando do que temos que falar é de baloncesto. Esa distinción fana os mesmos que miran o tenis ou o atletismo, por exemplo, sen facela. Está tamén a teima das envexas que lle impide a algún gozar cos triunfos do equipo do seu pobo, pero contra iso é máis difícil loitar. É un problema de intelixencia.