Propostas para un entroido sen control

La Voz M. S. | VILAGARCÍA

AROUSA

Crónica | Festas sen sobresaltos Acudir á Illa no luns de carnaval é cita obrigada para os amantes da troula. Dende a península meca apostan polo autobús para gozar sen preocupacións

24 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

? luns de entroido da Illa conta cada ano con máis xiareiros. Cóntanse por milleiros as persoas que acoden ao máis novo municipio arousán para unirse aos seus habitantes na troula dese día. Pero claro, tamén é unha constante dese día, ou desa noite, atopar cos controis de alcoholemia á saída da ponte. A mellor opción é ser capaz de divertirse sen a axuda do alcohol. Pero tamén hai quen non quere renunciar a unha copiña nunha noite de farra. E, nese caso, a mellor opción é non coller o coche. Desde O Grove, unha localidade amante, como a da Illa, do entroido, xa botaron esas contas. E atopáronlle solución. Por terceiro ano organízase unha expedición á Illa de Arousa para o luns. Un autobús sairá ás once e un minuto da noite da estación do Grove para trasladar a todos aqueles que queiran participar no singular entroido arousán. O reclamo é, sen dúbida, convincente: «Disfraz de antroido, 30 euros, cubata, 4 euros, control de alcoholemia, 400 euros máis seis puntos; gozar do luns de entroido na Illa sen preocupacións, oito euros». Así que os que queiran seguir o consello poden facer as reservas, ata o venres 16 de febreiro, chamando aos números de teléfono 626 183 058 (Josh), 670 514 819 (Kike), ou 636 748 698 (Lino). Por oito euros terán viaxe ata A Illa e regreso, libre de controis, ás sete e trece minutos da mañá.