AREOSO | O |
23 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.O QUE segue vén de acontecer o pasado fin de semana na capital do estado. Ata alí foi un amigo meu por motivos profesionais (aínda non é progre dabondo para coller un avión para tomar as chiquitas en Madrid) e o taxi foi o seu medio de locomoción nas rúas da capital. Nunha das viaxes toparon -a Madrid non fora o meu amigo so, aínda que pensándoo ben isto non inflúe para nada no conto- cun taxista de Monforte. E saltou a sorpresa. -Soy de Monforte, pero me niego a hablar en gallego. Estoy en contra de que lo que pasa en España y de que los nacionalistas impongan todo lo que imponen-, veulles dicir. Se non foron estas verbas, foron parecidas, que xa sabedes que as traducións nunca son literais. O meu amigo, que como a un galego de seu saíranlle ben as contas na feira e estaba de bo humor, o único que lle dixo foi que lle parecía que estaba trabucado no seu parecer: -¿Canto tempo hai que non vai por Galicia, meu home? Alí non se impón nada -¡Cómo que no! ¿Y las galescolas esas qué? Argumento de peso que non atopou contestación porque o taxi chegou a destino. Non sabemos si lle deixaron propina, pero penso que non. Claro, de volta ao país, o sucedido mereceu ampla discusión, unha das moitas que nos embargan nestes días, e había opinións para todos os gustos. Cando un dos dous de sempre estaba a piques de coller as armas para botarse as barricadas ao berro de que o que realmente se impuxo durante corenta anos foi o español (quería dicir castelán) saíu unha conselleira pola televisión de todos os galegos e falou no conselleiro, esa estraña linguaxe que non chega a ser castrapo. A conclusión de todos foi clara: «Se a que manda na educación fala como fala, aviados estamos».