Correndo para chegar a Etiopía

La Voz

AROUSA

VÍTOR MEJUTO

O pombal Os nenos do colexio da Escardia calzaron onte as zapatillas e puxéronse a correr. Cantos máis quilómetros percorreran, máis cartos ían conseguir para enviar a África

15 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

É unha das citas que se repiten cada inverno en Vilagarcía: os nenos do colexio da Escardia, animados pola ONG Safe the Children, organizan cada ano unha carreira. Primeiro buscan aos patrocinadores -pais e avós, normalmente- que despois deberán darlle a cada corredor tantos euros como quilómetros teña percorridos. ¿E que se fai con eses cartos? Invertilo nalgún programa de desenvolvemento. Anos pasados enviáronse a Sudán e a Nixeria. E, desta volta, tócalle a hora a Etiopía. Onte pola mañá tivo lugar esta competición solidaria. Aínda non se sabe cantos euros acadaron reunir os nenos desta escola vilagarciá. Pero debeu de ser un bo feixe: correron moitísimos rapaces. Desde os máis cativos, de tres anos, ata os máis vellos, de once. Os primeiros, por aquelo da seguridade, corrían agarrados a unha corda. Os segundos, esforzábanse por sacar quilómetros do peito, recorrendo unha e outra vez o circuíto establecido entre o parque da praia e o acuario. Figura destacada O máis importante da carreira de onte foi o esforzo feito por todos os rapaces. Pero houbo unha figura destacada: Dani, un neno de quinto curso, que foi o primeiro en recorrer os dous quilómetros do circuíto. Malia o esforzo feito para ser o número un, o rapaz non se rendeu e en canto cruzou a meta volveu correr. Non sei cantas veces pisou a liña de meta, pero seguro que foron bastantes. Dani xa ten experiencia: o ano pasado, este neno correu e correu ata completar un total de dez quilómetros. Toda unha carreira por África. Aldemunde chega a Madrid ¿Pode un país perdido, alén o mar, materia de soño, vento e escume, virar a proa e navegar un océano de terra? A resposta é afirmativa se ese mundo se chama Aldemunde. O proxecto de Xurxo Alonso, demiúrgo, poeta, arquitecto e arqueólogo desa illa errante que se alimenta das máis fondas mitoloxías atlánticas, chegou o xoves a Madrid. A Fundación de Arte Galego Madrid, inaugurou a Colección Aldemunde, que poderá ollarse na sala da Feima ata o vindeiro 25 de xaneiro. Ademais do propio autor, Miguel Anxo Fernán Vello tomou a palabra no acto de presentación para dar a coñecer o Breviario de Aldemunde, infraestrutura literaria sobre a que se constrúe un particular universo que ben poderían habitar San Brandán, San Amaro, a Virxe da Barca, Santo Andrés de Teixido ou o mesmo Ith, mitos de auga e trasmundos, gardiáns de coñecementos esquecidos.