VENTO DA TRAVESÍA | O |
09 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.SI SEÑOR: xa estamos en campaña electoral. Xestión ordinaria e planificación son palabras que, nada máis aberto xaneiro, desaparecerán da actividade pública. Rexurdirá o traballo puntual da máis diversa maquinaria, e tanto no sentido metafórico de organización dos partidos, coma no sentido propio de aparellos varios a levaren a cabo as máis diversas obras; casualmente, e xa en datas máis achegadas a maio, abrirase, en aluvión, un período de inauguracións de proxectos pendentes de remate ou sospeitosamente ralentizados, tamén casualmente. Estas eleccións prevense disputadas aquí polo Salnés; hai un factor que inflúe moitísimo: por primeira vez celebraranse cun goberno autonómico de esquerdas, pero, ademais, vai a servir de termómetro dese propio goberno para ver cómo percibe o cidadán a súa xestión; particularmente para o BNG resulta crucial: ¿subirá, baixará? Hai nerviosismo, moito, e maniféstase a través dos responsables organizativos dos partidos políticos. No Salnés, que en xeral tiña liderazgos de vello, produciranse bastantes substitucións nas cabezas de cartel e será interesante, e de agradecer, escoitar argumentos da xente nova. Pero hai máis datos que reflicten o nerviosismo ou, se me apuran, constátase a intuición dalgúns responsables de que a diferenza de votos vai a ser escasa, de que cada voto vai resultar valiosísimo. ¿Por qué? Pois direino: porque se está a consolidar unha táctica, ilegal, pode que delituosa, en todo caso fraudulenta, que xa se observou nas pasadas eleccións locais: O carrexo de veciños. Non fai falla ser moi habilidoso para comprobar as variacións nos empadroamentos. Agora mesmo, nalgúns concellos estase a observar o alta administrativa no padrón de veciños, de persoas procedentes de outros lugares onde non hai problema de votos fieis. Éche un novo xeito de carrexo.