Arousa, antes illa que continente

La Voz M. S. | VILAGARCÍA

AROUSA

RAMÓN LEIRO

En dous minutos | A asociación Dorna edita un novo número da súa revista Xoán Dopico defende na publicación que foi A Illa a que lle dou nome á ría. A comarca deberíalle a súa denominación ao seu concello máis cativo

09 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

?¿A Illa toma o nome da ría ou a ría toma o nome da Illa?». Esa é a pregunta á que trata de responder Xoán Dopico na nova edición da revista que edita a asociación cultural e deportiva Dorna. E despois de facer un percorrido polos primeros escritos que falan do agora municipio, a conclusión é a seguinte: «En todos os documentos consultados non aparece en ningún momento citado o nome ría de Arousa, pero si atopamos ínsula Arouça, Aroza, Aroca e Arousa... Polo tanto, podemos afirmar que a Illa dá o nome á ría e non ao revés». Se iso é así, o certo é que se daría un caso realmente curioso. A Illa non só lle prestaría o seu nome á globalidade da ría, senón que tamén Vilagarcía ou Vilanova lle deberían parte da súa nomenclatura. Efectivamente, o repaso polos textos históricos que fai Dopico no seu artigo testemuña, desde ben cedo, que a Illa xa recibía o nome de Arousa. Agora ben, ¿de onde vén esa denominación? Ese é un misterio que non é tan doado de resolver. Según algúns, existía na Illa un altar adicado a Hércules que despois foi sustituído por un adicado a Augusto. Aí estaría, para algúns, a orixe do topónimo Arousa -Arae Augusti-. Outros relaciónano con Ara Solis, é dicir, altar do sol. E, por último, hai tamén quen cre que Arousa sería unha evolución de areosa, e para probalo argumenta que aínda hoxe existe o topónimo Areoso. En calquera caso, non parece fácil acadar unha unanimidade entre esas tres teorías. Os apelidos Pero o estudo de Dopico non é a única oferta que a revista Dorna nos trae desta volta. Dolores Barreiro fai un repaso por algúns dos apelidos máis frecuentes dos seus habitantes. Nesta ocasión descobre as orixes dos chamados Agra, Dacosta, Nine, Ramos, Santiago, Viñas e Vidal. E tamén de tempos pasados, aínda que non tanto, fala Helena Domínguez. Remóntase, concretamente, á Guerra Civil, para falar da situación das mulleres naquel momento. Conta a autora que a poboación feminina nese momento tamén foi vítima da represión, aínda que máis psicolóxica que física. Foi, para elas, un tempo de traballo, de apoio aos homes e, incluso ás veces, de estraperlo. Pero non era o mesmo estar nun lado ca no outro, e Helena Domínguez exemplifica o sentir de cada bando a través de historias reais pero, iso si, con nomes ficticios. E como non todo vai ser botar a vista atrás, ou cando menos, moi atrás, Alberto de Coo fai na revista unha análise dos efectos da contaminación do Prestige nos recursos mariños. Porque o certo é que, a través do tempo, e en menor ou maior medida, A Illa sempre estivo moi ligada ao mar. De Coo comeza falando do impacto global que tivo o afundimento do petroleiro e fai unha crítica ás tácticas de ocultación para despois centrarse nos danos producidos nos recursos mariños. A conclusión é que «aínda estamos na fase descendente do ciclo de afectación e aínda non se ten iniciado a fase de recuperación global dos efectos da catástrofe do Prestige », unha catástrofe que provocou uns danos normais «dunha contaminación por mareas negras». Estes son, entre outros, os contidos deste novo número de Dorna que debe a súa portada ó traballo de Anxo Pastor.