Ovos a Santa Clara

AROUSA

AREOSO | O |

30 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

HAI uns anos un dos programas máis seguidos na televisión era un que se chamaba Más vale prevenir. Ramón Sánchez Ocaña converteuse en toda unha icona televisiva cun xeito moi sinxelo de transmitir as cousas. O nome xa da unha idea do que trataba o programa, que me ven á cabeza ultimamente cada vez máis. Seica agora vai ser a de dios: hai escavadoras no Con para parar un tren, que sei eu cantos grupos de intervención rápida chegados de todos os puntos de Galicia, varios camións para limpar os sumidoiros (di o alcalde que hai un rulando todo o ano por Vilagarcía -aquí compre chamar a Lobatón no canto de a Sánchez Ocaña-) e unha chea de cousas máis. Ah, e cartos para todos. Cal é o problema, logo? Que non estaban o luns á noitiña. E estaba claro que algo fallaba. É certo que choveu moitísimo, pero tamén é verdade que apenas nove días antes o pobo xa estivo á beira do asolagamento (curiosamente poucos días máis tarde de que algún iluminado deixara caer que iso era imposible en Vilagarcía tralo Pomal), e deu a impresión de que o que se fixo foi pouco menos que chamar a Julio Iglesias para que cantara La vida sigue igual. Agora si. Cando xa estaban as monxas do convento cun cheo no stock de ovos destinados a Santa Clara chegan os grumires, as escavadoras e os políticos para avisar de que hoxe hai que ter coidado. De que había que ter coidado o luns xa estaban avisados os lectores de La Voz de Galicia, por exemplo. Daquela funcionaron as predicións, hoxe agardemos que marren. Mentres, os comerciantes seguen sen saber que deben facer cando lle cheguen as augas aos pes (ou máis arriba). Silicona, espuma illante, plastilina,... en caso de crise será a xente a que tome as rendas da situación. E se non, xa saben, ovos a Santa Clara.