O pombeiro Algún empéñase en adiantar as festas, a pesar de que ata hai dous días andabamos en mangas de camisa. Menos mal que o inverno chegou e pon as cousas no seu sitio
15 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.Dende onte xa non tanto, que a choiva e o frío que temos parece que lle dan á atmosfera un airiño máis de decembro. Pero e que sempre estamos co mesmo. Aínda non chegamos a mediados de novembro e xa hai tendas que nos anuncian o Nadal. Ou cun Papá Noel á porta ou as boliñas de cores con neve artificial. A cousa é invitar a mercar e, xa se sabe, que non hai mellor pretexto para iso que as festas ¿relixiosas? que conmemoran o nacemento de Xesús. Non lles é por amolar a festa, pero e que cada ano imos a peor. Que os comercios vestidos de Nadal non fan dano a ninguén. Certo. Só que unha empeza a estar farta de que se troque o senso das cousas. Cando eu era pequena ninguén se puña a mercar regalos antes da lotería do 22 de decembro. Por certo, que en agosto, nas administracións xa había turistas mercando o seu décimo. Ver para crer. Agora ata para organizar as ceas de empresa de Nadal hai que reservar un mes antes. E cando non é a ditadura do consumismo é o tempo. A saber como vai haber que vestir a noite de Fin de Ano, porque, polo camiño que levabamos, íamos chegar a xaneiro con 25 graos e sol. Non é de estrañar que as tendas de roupa se queixen de que case teñen todo o xénero colgado nos estantes. ¿Para que vas gastar cartos en abrigos se aínda se pode usar a chaquetiña? A choiva veu poñer as cousas no seu sitio así que non dubiden en pedirlle aos Reis Magos ese conxunto de guantes e bufanda que tanto gustan de traer para elas, e o paraugas e camisetas Imperio para eles. Telesalnés terá máis audiencia este Nadal Outros que tamén apuran a celebración son os de Telesalnés-Barbanza, aínda que no seu caso, con motivo. A tele comarcal, aquela que empezou a emitir hai doce anos e pola que poucos daban un peso, segue a crecer. Empezou contando só noticias do Salnés, seguiu cubrindo a comarca de Caldas e Pontevedra e chega xa a Barbanza por todos os seus costados. O administradores da empresa televisiva, Joaquín Barreiro , e Julio Portas, firmaron o martes un convenio de colaboración con Canal Tambre para emitir en Muros, Outes, Lousame, Porto do Son e Noia. Deste xeito, TVSB amplía a súa área de cobertura a unha poboación de más 775.000 habitantes. As emisión empezarán o día 20, así que os noieses van poder ver como viven o Nadal doutro lado da serra. E nós velos a eles.