Porque eles son os mellores

La Voz

AROUSA

O Pombal Protección Civil de Vilagarcía organizou o venres unha cea para celebrar o seu 14 aniversario; no acto agasallaron a unha morea de invitados e colaboradores

11 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

A noite do venres o restaurante Cordal encheuse de voluntarios de Protección Civil que, por unha vez, xuntábanse non para socorrer a veciños en apuros senón para pasalo ben. Era o 14 aniversario da agrupación, e co gallo da data, invitaron a unha morea de autoridades, colaboradores e amigos. Rodeados de sabrosos platos, o xefe da agrupación, Francisco Javier Guillán Busto, aproveitou a xornada para homenaxear a aqueles que destacaron pola súa colaboración e entrega ao corpo de voluntarios. Pin de oro Por primeira vez fíxose entrega de varios pins de ouro que recaeron en Eduardo Martínez, primeiro presidente e fundador da agrupación, Javier Gago e Alejandro Quintela. Tamén a título póstumo entregouse outro galardón ao falecido capitán marítimo de Vilagarcía, Roberto Rietz, que foi recollido pola súa viúva. O mellor discurso foi, como non, o de Gago, que agradeceu aos voluntarios o seu traballo e que dixo agardar telos sempre preto no futuro, cando xa como cidadán os necesitara. A nota simpática púxoa o fundador da agrupación. Eduardo Martínez aconsellou a Busto «estar siempre en la atalaya y observando con prismáticos». Outros recoñecementos Houbo tamén agasallos para o director xeral de Protección Civil, Antonio Espinosa; o capitán da Garda Civil, José Rancaño; o comisario da policía nacional, José Manuel Lorenzo, e a xefa da policía local, Mari Carmen Roca. Os mozos da agrupación vilagarciana tampouco se esqueceron dos medios de comunicación e das empresas que acostuman colaborar con eles, como o pub Skipper, o bar Xocas, Baygar SL, Talleres La Junquera e a autoescola Sálvora. Para rematar, todos e cada un dos voluntarios recibiron un pin de prata polo seu labor, sobre todo polo traballo titánico que tiveron que facer este verán cos incendios e o verquido de Brentanng. A mellor agrupación de Galicia Busto case non se atreveu a dicilo, pero o alcalde afirmouno con contundencia. «A de Vilagarcía é a mellor agrupación de Galicia». Nós, dende esta columna, confirmámolo, aínda que sen desmerecer o labor das outras asociación da comarca que traballan, a cotío, con menos medios pero coa mesma entrega. Para todas elas serven as palabras que dixo Busto, que eles non buscan protagonismo, e que o único recoñecemento que queren é o dos veciños cando os recoñecen pola rúa e lles dan as grazas. Algúns aplaudían en traxe de faena. Viñan de socorrer a dous motoristas nun accidente de tráfico.