AREOSO | O |
09 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.HAI QUEN di que nestes tempos o galego estase a converter nunha lingua invasora. Nunha lingua imposta. E as imposicións, ao parecer, non nos gustan neste país. Así que, cada vez que a Mesa pola normalización lingüística pide «normalidade» para o galego, a resposta dun bo feixe de cidadáns ben pensantes é: «Xa están aquí estes pesados ¡Cada un que fale no que queira!». Gustaríame que todos os que pronuncian esas palabras quixeran dicir exactamente o que están dicindo. É dicir. Que quixeran dicir que todos os pais que queren educar aos seus fillos en galego poden educar aos seus fillos en galego. Que todos os estudantes que queren completar a súa formación en galego poden completar a súa formación en galego. Que todos os profesionais que queren desenvolver o seu traballo en galego poden desenvolver o seu traballo en galego. Que todos os amantes dos videoxogos que queren xogar as súas partidas en galego poden facelo, tamén. Pero resulta que ningún deses casos se da no noso país. Aquí todo o mundo pode falar en castelán se lle da a gana, pero non todo o mundo pode falar en galego se lle peta. Por iso, as reclamacións da Mesa son tan necesarias. Por iso, as súas cíclicas aparicións son imprescindibles. Para que non esquezamos que, neste país, non todo o mundo pode falar no idioma que desexa. E póñome eu como exemplo. Eu, que sempre falo e escribo en castelán, son vítima dunha educación que me privou do meu idioma. Cando me din conta de todo o que perdera xa era tarde de máis. E agora, por moito que intento manexarme nas augas do galego, non acado máis que torpes sumas de palabras, forzadas, falsas. Iso xenera impotencia. E a impotencia empúrrame polo camiño máis fácil: o de adormecer na comodidade do idioma coñecido, en la seguridad del castellano. E eu non quero.