Aprender das exposicións

La Voz

AROUSA

O pombal A mostra «Oniria» permite aos rapaces coñecer mellor os segredos do cine de animación e A Cantarela amosa no auditorio as distintas especies de cogomelos

07 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

¿A quen non lle gustaría saber como se fan os debuxos animados? Pois os máis cativos de Vilagarcía teñen a oportunidade de coñecer máis de cerca o mundo deses fantásticos seres que ven na televisión. Trátase da exposición Oniria , organizada polo Concello de Vilagarcía e Caixanova e que estes días pode verse na sala Rivas Briones. A exposición está baseada no contido da famosa película Sono dunha noite de San Xoán . Paneis, vitrinas e maquetas explican todos os elementos que entran en xogo á hora de realizar unha película destas características, dende o guión ata a montaxe. A mostra inclúe un obradoiro no que os cativos poden facerse fotos cos personaxes protagonistas. Os cogomelos Volta o outono micolóxico a Vilagarcía e no auditorio xa se pode visitar a tradicional mostra de A Cantarela. É unha moi boa ocasión para aprender a distinguir as especies comestibles das que non o son e evitar así intoxicacións coma as que estamos vendo estes días. A mostra non ten desperdicio e nela poden verse maquetas coma a recreación dun partido de baloncesto protagonizado por cogomelos. A edición deste outono micolóxico está moi marcada polos lumes deste verán. Tanto, que a asociación decidiu escribir unha carta aos incendiarios para amosarlle todo o seu desprezo. Incluso dedican unha das súas conferencias a propoñer una aproveitamento sustentable do monte. Por certo, lembrar que o domingo celebran a súa tradicional festa dos cogomelos.