Un Samaín para moitos anos

La Voz

AROUSA

O pombal Vilagarcía estreouse onte nisto de recuperar a antiga tradición de orixes célticas. E abofé que o fixo con bo pe. Os pequenos alucinaron con pinturas, pantasmas e contos

31 oct 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

Isto foi o que fixeron unhas boas ducias de nenos e non tan nenos que onte se achegaron á praza da Peixería, en Vilagarcía, respondendo á chamada da Concellería de Xuventude. A idea, que leva tempo en marcha en lugares como Catoira, e que comezou a funcionar tamén na Illa, que onte celebraba unha notable procesión de defuntos, triunfou sen discusión. Se cadra porque o espello norteamericano é deformante, pero ao cabo devolve unha imaxe na que os pequenos se recoñecen doadamente, se cadra porque, no fondo, toda a tradición do día de Defuntos segue moi viva nos osos dos galegos, o certo é que a boa participación rexistrada abre a porta a vindeiras edicións. Un aninovo escuro e divertido Xa saben de que vai o conto. A noite de Samaín, a de Defuntos, marcaba nas sociedades célticas o comezo dun novo ano. As forzas escuras tomaban o mundo, ata que na primavera volvía a luz e a vida. Non por iso a diversión minguaba. As bromas nocturnas a base de cabazos tallados, cunha vela prendida no medio, están ben documentadas en distintos lugares de Galicia, como práctica ben asentada ata hai ben poucos anos. O mesmo que os defuntiños, a esmola de larpeiradas que os nenos da Illa van pedindo de casa en casa o 2 de novembro. Por certo, os pícaros illáns non teñen cole ese día. Pórlle cara ao medo ¿E que había na Peixería? Ánimas, obradoiros de debuxo e maquillaxe arrepiante, un escenario preparado con arañeiras para os contacontos, e o xeito de facer un morcego cun calcetín. Moito medo.