Políticos e técnicos

X. A. OCHOA

AROUSA

VENTO DA TRAVESÍA | O |

28 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

ANDAMOS, todos, un pouco sorprendidos polas enchentes de Cee, Oia e outros lugares ribeiregos. Ata agora Padrón ou Caldas eran pobos que, cada vez que chovía máis do normal, aparecían cubertos de auga. É de asombro xeral que sexan noticia vilas costeiras por problemas de asolagamentos. Aquí, polo Salnés, día si e día non, hai novas relacionadas coas inundacións do Corgo, no Grove, ou da explanada entre a Praza de Abastos e o Concello, en Cambados. Por lóxica, os asentamentos humanos históricos situados a carón do mar non poderían estar afectados por este problema e, sen embargo, aí está a teimuda realidade actual. Pois resulta que, coma demasiadas cousas, o problema é político. Si: político. Fai algúns anos foi titular de prensa destacado unha frase que lle espetou Trigo Durán ó entón conselleiro Cuíña acusando, con toda a razón que lle está dar o tempo, de que só se estaba a facer política de chapapote na procura de votos fáciles e irreflexivos. Era unha gran verdade. Por exemplo, como dicía Paco: ¿Alguén se parou a pensar que asfaltar miles de quilómetros cadrados de pistas rurais significa, tamén, impermeabilizalas e provocar vertixinosas escorrentías? Pero a política de chapapote é máis: inclúe recheos, entubamentos, canalizacións impermeables, asfaltados indiscriminados, atuídos e toda unha manchea de obras que o que fixeron foi enriquecer a catro proveitosos e, tamén, rentuar unha chea de votos dos mesmos que, agora, reclamarán subvencións de cartos públicos. Dúas cousas máis. Unha: A palabra Corgo, significa lugar que se anega naturalmente e que, no Grove, ó igual que a fachada marítima de Cambados, está cuberto por sucesivos recheos. Dúas: Tódalas obras da política do chapapote están asinadas por ilustres enxeñeiros. Haberá que pensar se é moral asinar proxectos so porque o político de turno quere obrar.