O resto dos grupos ven nelas «irresponsabilidade» e «oportunismo» Fole fica só nas acusacións de manipulación de datos e de análises oficiais incompletas
26 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.? Partido Popular de Vilagarcía situouse onte, no pleno da corporación municipal, nesa mesma posición de illamento que adoita ocupar nos últimos tempos na meirande parte dos foros de representación política. O seu voceiro, Tomás Fole, atacou con dureza ao goberno local ao fío da súa proposta de renuncia ao cobro do último recibo da auga, dada a baixa calidade desta. Acusou directamente ao alcalde de manipular os datos sobre as análises, de lle negar información á súa formación e de evitar, pasando por riba do regulamento, que esa mesma moción fose debatida como punto de urxencia na sesión plenaria de setembro. Mesmo afirmou que nos estudos oficiais sobre o estado do líquido elemento comezaran a desaparecer parámetros a medida que medraba o seu nivel. Fole, que pediu a creación dun comité cidadán de emerxencia para facer fronte a este tipo de crises, espetoulle a Gago un «vostede seguía empeñado en non dicir toda a verdade sobre o resultado das análises» para culpalo de «crear inseguridade e desconfianza que se manteñen entre os cidadáns». O rexedor lembroulle ao líder popular que non fora el, senón a corporación, a que rexeitara o carácter de urxencia da moción que o PP propuña o mes pasado. E iso porque, en palabras do nacionalista Xosé Castro Ratón, os conservadores «adulteraron o concepto de urxencia con pillería política» ao anunciar a iniciativa con días de antelación na prensa, pero nin sequera chegar a mencionala na comisión informativa previa á sesión plenaria. O BNG, engadiu, acudiu a profesionais da Universidade de Santiago para acadar un coñecemento profundo e constante do que estaba a suceder. Tanto Ratón como o independente Rivera confirmaron que, dende o intre do accidente de Brenntag, mantiveron un contacto constante con Gago, así como información polo miudo. O alcalde, á súa vez, acusou aos populares de irresponsabilidade e oportunismo, de «crer nas institucións unicamente cando as gobernan», socavando a credibilidade e a fonte de lexitimidade das autoridades sanitarias na procura dun rédito político. En canto á bonificación do recibo, sería simplemente ilegal. A choiva dialéctica continuou dende Esquerda Unida. Juan Fajardo cualificou de «coña» as propostas do PP, en especial a de constituír un comité cidadán que, nas mans dos populares, non supón «nada crible». Rivera, na súa quenda, falou da idea como dunha «broma». Fajardo, en calquera caso, non puxo en dúbida o resultado das análises, nin o papel das institucións na crise do Umia. Pero si a política informativa seguida dende Ravella xa que, sostivo, «só era preciso que os cidadáns coñecesen que hai parámetros que non son normais para que puidesen decidir». Non obstante, o problema de fondo reside para EU, que deu a primeira voz de alarma, no encoro «ilegal» do Umia e na presenza de algas, algo que é previo ao accidente químico. «Hai que ter cara para vir aquí con esa proposta cando a responsabilidade é da xestión do PP na Xunta», espetoulle ao cabo a un Fole cercado.