Unha de violíns

AROUSA

AREOSO | O |

25 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

A MÚSICA CLÁSICA non vende, non mola, non engancha. O auditorio de Vilagarcía -e son máis de setecentas butacas- se enche co teatro que fan os actores televisivos e cando canta Serrat. Oportunidades coma estas non merecen outra resposta por parte do público. Pero queda a menos da metade cando sobre o escenario o que hai son violíns e artistas con nomes que soan a polaco. Con todo, a programación cultural que financian Concello e Caixanova segue fiel á clásica. Mañá actúan a Camerata ProArte e a soprano Anne Mc Millan que interpretarán un repertorio de Mozart. Aos que saben disto e lles gustan estes espectáculos non lles descubro nada. Ao resto, que son lexión, me permito darlles un consello. Se poden vaian a velo, quizais resulte unha noite reveladora. Deixen ese prexuízo sobre que os Verdi e Bethoveen son aburridos e monótonos, aínda que coma en botica, de todo hai, e proben a descubrir o emotivo e vibrante que pode resultar un concerto de viola ou piano, sen sintetizadores polo medio. O auditorio é un luxo e os prezos alcanzables (desde seis euros a entrada esta vez). E se non pode ser mañá, que tal unha de Monkillos para esta noite, tamén no auditorio. ¡O jazz, esa outra maneira de gozar da música en estado puro! ¿Que non pode ser? Pois o sábado e o domingo haberá outra cita coa música más xenuína. As composicións de Mozart, Rossini e Bach soarán, desta volta, da man dos alumnos do conservatorio de Vilagarcía na Mostra de Xoves Intérpretes. É gratis. Non hai que ser un melómano empedernido para achegarse á clásica. Só hai que ter apertura de miras e gañas de descubrir sensacións máis alá do que nos ofreceu aquela EXB paupérrima musicalmente. Bastante foi aprender a tocar Noite de paz na frauta, que no instituto nin sequera iso. Afortunadamente as cousas melloraron, na escola e fóra dela. Á vista está, e da mágoa non aproveitalo.