CON GOTAS
23 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.BOTÁNDOLLE un ollo a determinados argumentos que se escoitan por aí, tal semella que, duns mesiños a esta parte, teñamos caído en desgraza divina. Nos tempos de antes, protexidos pola aureola máxica do tótem tronante, nunca chovía, o vento non zoaba, o monte na vida ardía, as estradas non tiñan furados e ningún barco naufragaba, non sendo polos meigallos de malvados capitáns gregos. Agora, madía leva, chove a caldeiros, o vento é criminal un día si e outro tamén, árdelle o eixo a medio país e as estradas arrolan monte abaixo, como puchos ceibos polo prado. Así andamos. Uns predicando sobre a nefanda maldición bipartita, o paraíso perdido e a fin do mundo; outros navegando na Armada aquela invencible, coa vista posta nos elementos no canto de atender a terra sen complexos. E disque non chovía... ¡Manda car****!