Análise | Os danos do lume Segundo os datos oficiais, os incendios arrasaron na área de Caldas-O Salnés unha superficie que triplica a afectada en toda a provincia de Lugo
23 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.? efectos da loita contra o lume, Galicia divídese en 19 distritos forestais. O territorio arousán fica mergullado na área Caldas-O Salnés, un distrito que, segundo os datos provisionais cos que traballa a Consellería de Medio Rural, ostenta a dubidosa honra de encabezar todos os ránkings sobre superficie destruída polo lume na vaga de incendios do pasado verán. Arderon 19.236 hectáreas de monte, máis do triplo da superficie queimada no conxunto da provincia de Lugo (6.104 hectáreas); por riba tamén do balance global de Ourense, que sinala 12.143 hectáreas. Unha de cada cinco hectáreas arrasadas en Galicia atópase aquí, cuns niveis de destrución que superan os rexistrados no Deza, Vigo, Santiago ou Fisterra, que con 13.000 hectáreas, ocupa o segundo lugar no listado de distritos máis castigados polo lume en toda a comunidade. Tradicionalmente, a área de monte baixo arrasada polas lapas superaba en Galicia á de monte arborado. Non é así este ano, no que esta relación fica invertida en prexuízo dos bosques. Este fenómeno queda especialmente en evidencia en Caldas e no Salnés, onde arderon 15.051 hectáreas de árbores fronte a 4.185 de monte raso. Novamente, máis do triplo. Non hai exemplos cos que comparar semellante desequilibrio agás nos casos de Vigo e do Barbanza, terceiro territorio máis afectado, nos que, de calquera xeito, a superficie de bosques arrasada duplica á de monte baixo. Tirar de números redondos tampouco non aporta mellora algunha para O Salnés, xa que a cifra total de incendios do distrito, 759, é a meirande de toda Galicia. Os 50 sinistros padecidos na Mariña semellan nada.